O Alcalde visita as instalacións da empresa GALIMETAL

  • Continuando coa rolda de visitas ás empresas asentadas no polígono industrial municipal da Cañiza, iniciada o pasado venres, Luis Piña visitou hoxe as instalacións da mercantil GALIMETAL. Unha empresa asentada en Galicia que ten centrada a súa actividade na comercialización dunha amplia gama de sistemas de aluminio de fabricación propia.
  • É unha das primeiras empresas que apostaron polo polígono da Cañiza, localizada na I Fase do Polígono Ribadil a mediados dos anos 90 e que con máis de 25 anos de experiencia, continúa en expansión.
  • O binomio GALIMETAL – ALUGAL conta na actualidade cun cualificado equipo humano que xunto coa versatilidade das súas instalacións, lles permiten afrontar con garantía de éxito calquera demanda baixo pedido.
  • Como xa manifestou o Alcalde o pasado 13 de xaneiro “dende a Gobernanza queremos visibilizar o tecido empresarial asentado na nosa zona industrial, para atraer novas actividades mercantís e oportunidades de negocio e de traballo”.
  •  “Queremos reforzar tamén a nosa estratéxica posición a metade de camiño entre Vigo e Ourense e as boas comunicacións co resto das urbes galegas que nos respaldan como obxectivo empresarial. Salientar tamén que somos a porta de entrada á Plisan e a Vigo e a nosa cercanía con Portugal nos engade outro plus”.
  • Con esta mensaxe, dende a Alcaldía preténdese chamar a atención das empresas sobre as potencialidades e oportunidades da Cañiza como zona industrial e comercial.

GALIMETAL - ALUGAL

O Alcalde Luis Piña visitou esta mañá a empresa GALIMETAL acompañado polo actual xerente Alvaro Ave Pernas e polo fundador da empresa Alvaro Ave Miranda, nunha visita por todas as instalacións desta empresa que destacou sempre por conseguir adecuar a producción dos seus sistemas ás necesidades dos clientes, nun sector e un mercado moi variado que está en constante cambio e evolución.

A clave do éxito do binomio  GALIMETAL-ALUGAL foi a aposta pola investigación e a adecuación, ano tras ano, dos sistemas de producción e tecnoloxía para ofrecer as solucións que demanda o mercado.

Contan cun amplio catálogo de productos. Dende a máis avanzada tecnoloxía de fabricación mediante o proceso de extrusión (con certificación ISO 9001)  ata os remates máis innovadores como o efecto madeira, pasando por lacados (con Certificado Qualicoat) e anodizados (con Certificado Qualanod ).