O Alcalde visita as obras de reconstrucción dun muro de contención e pavimentación de vial en Pintelos - Valeixe
- O proxecto está enmarcado dentro das axudas do Plan + Provincia 2025 da Deputación de Pontevedra, subvencionada ao 100% con 39.207,82€
- Unha actuación que está a piques de rematar e que xurde da necesidade de garantir a seguridade viaria e patrimonial.
- A obra contou coa autorización favorable de Patrimonio da Xunta de Galicia por desenvolverse na contorna dun Ben Patrimonial Catalogado.
Así o explicou esta mañá o Alcalde Luis Piña que visitou as obras de reconstrución do muro de contención e pavimentación na contorna da Capela da Virxe das Neves, en Pintelos – Valeixe, acompañado da xefa de obras da empresa concesionaria COVSA e o director de obra e redactor do proxecto Javier Carballo.
As obras que estan subvencionadas ao 100% pola Deputación ascenden a un total de 39.207,82€ impostos engadidos, cun investimento en execución material de 25.716,79 € aos que se suman outros 3.343,18€ do 13% dos gastos xerais, 1.543,01€ do 6% de beneficio industrial e un 21% de Ive que suma outros 6.426,63€, máis a parte de honorarios que suma outros 1.244,69 € de redacción do proxecto e 933,51€ de dirección de obra e coordinación de seguridade e saúde.
No proceso de contratación a obra foi rebaixada ata 36.881,48 euros€ pola empresa Construcciones, Obras e Viais, S.A., que resultou adxudicataria da licitación.
- O proxecto contempla a reconstrución dun muro de cachotería granítica de 43 metros de lonxitude e 3 metros de altura media, que se atopaba en deficiente estado de conservación e ameazaba con derrubarse, poñendo en risco a seguridade viaria e das parcelas colindantes.
- As actuacións inclúen tamén a renovación completa do pavimento do tramo afectado (48 metros de lonxitude e 6 metros de ancho), cunha nova base de zahorra e capa de rodadura de mestura bituminosa en quente. A mellora do sistema de drenaxe de augas pluviais, coa construción dunha nova cuneta triangular de formigón de 28 metros, reposición do peche existente cun enreixado metálico apoiado sobre columnas de granito nun tramo de 37 metros e a recolocación da barreira de seguridade tipo bionda nun treito de 13 metros.
Trátase dunha intervención sensible, realizada no contorno dun ben patrimonial catalogado, a Capela da Virxe das Neves de Pintelos, que contou coa autorización sectorial da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e que se executa baixo criterios de respecto e integración co medio.
Segundo comunicou o Alcalde nesta visita:
“o investimento responde a unha demanda dos veciños de Pintelos, que precisaban unha intervención urxente nunha vía moi utilizada e situada nunha contorna patrimonial de gran valor. Nos vindeiros días quedará rematada esta obra que mellora a seguridade, a accesibilidade e a conservación deste vial municipal".
Galería multimedia