O Concello abrirá o 1 de xullo a Piscina Municipal das Grades e a Praia Fluvial de Luneda
O Alcalde, Luis Piña, anunciou esta mañá que o vindeiro martes 1 de xullo abrirán ao público dúas das principais instalacións de lecer de verán do municipio: a Piscina Municipal ao aire libre das Grades e a Praia Fluvial da parroquia de Luneda.
Piscina Municipal das Grades
A piscina permanecerá aberta desde o 1 de xullo ata o 15 de setembro, sempre que as condicións meteorolóxicas o permitan. O horario de apertura ao público será de 13:00 a 21:00 horas, de luns a domingo.
Durante as mañás, de 11:00 a 13:00 horas, as instalacións estarán reservadas exclusivamente para os nenos e nenas inscritos nos campamentos municipais de verán.
Os prezos da entrada mantéñense sen cambios con respecto a anos anteriores:
- Entrada xeral (adultos): 1,50 €
- Entrada reducida (infantil, xubilados e pensionistas): 1,00 €
Praia Fluvial de Luneda
Tamén a partir do 1 de xullo, estará dispoñible a Praia Fluvial situada na parroquia de Luneda, no lugar de Gonda. Trátase dun espazo natural acondicionado á beira da Regueira do Aceval, afluente do río Deva, cun aforo estimado de 225 persoas.
A zona conta con múltiples servizos para o disfrute da veciñanza e visitantes: merendeiro, asadores e área de xogos infantís, converténdose nun punto de encontro ideal para o ocio familiar ao aire libre.