O Concello consigue financiación para a creación dunha rede de informacion turística virtual
O proxecto denominado «Recunchos da Cañiza» está subvencionado ao 100% por Turismo de Galicia da Xunta e pretende promocionar lugares singulares, con encanto, do noso Municipio.
O CONCELLO CONSIGUE UNHA SUBVENCION DO 100% DE TURISMO DA XUNTA DE GALICIA POR UN IMPORTE DE 29.748,00€ PARA A CREACIÓN DUNHA REDE DE INFORMACIÓN TURÍSTICA VIRTUAL
BAIXO A DENOMINACIÓN «RECUNCHOS DA CAÑIZA» ESTE PROXECTO TURÍSTICO TEN POR OBXECTIVO PROMOCIONAR LUGARES SINGULARES DO NOSO TÉRMINO MUNICIPAL QUE POLO SEU ESPECIAL INTERESE MERECEN A PENA VISITAR
A Cañiza conta con centos de pequenos lugares e espazos naturais que atraen a atención dos nosos visitantes pola súa singularidade e beleza. Recunchos que complementan e enriquecen todo aquilo que podemos admirar dende un miradoiro tradicional.
Este proxecto pretende que estes lugares, «Recunchos», formen parte dunha rede de información virtual ao dispor dos turistas co obxectivo de que poidan percorrer o Concello da Cañiza «buscando e disfrutando» destes espazos únicos, naturais e arquitectónicos.
Ademáis a rede permitirá dar a coñecer o noso Patrimonio Natural e Civil dun modo atractivo e innovador, converténdose nun excelente apoio e activo para os aloxamentos e restaurantes da zona xa que poderán ofrecer aos seus clientes un entretemento divertido gratuito: buscar o turismo a través das redes virtuais.
Para a creación deste novo proxecto turístico elexíronse 16 puntos de interese, «recunchos». Cada un deles contará cunha ficha descriptiva, fotografías, xeolocalizacións GPS. Información que será elaborada e estará contida en arquivos multimedia en formato vídeos, arquivos 3D, realidade aumentada, e estarán xeoreferenciados para consultar na Web Municipal. Todo este material estará clasificado en función da tipoloxía de cada punto (patrimonio, auga, natureza…).
Todos os puntos estarán sinalizados con balizas de madeira tratada, rotulada, con códigos QR de acceso á Web.
Ademáis instalaranse dous paneis informativos no casco urbano cun mapa xeral da rede e tamén código QR que darán acceso a esta mesma Web. Toda esta información estará cargada na Web Municipal.
Para a financiación deste proxecto o Concello conseguiu unha subvención de 29.748,00€ a través da orde de axudas a concellos de ata 10.000 habitantes para actuacións de mellora de insfraestruturas turísticas, comunicada o pasado 24 de febreiro pola Xerencia de Turismo de Galicia da Xunta.