O Concello da Cañiza acolleu hoxe a sinatura do protocolo que impulsará o novo parque empresarial do Vieiro

O Salón de Plenos do Concello acolleu a sinatura do Protocolo de colaboración entre a Consellería de Economía e Industria da Xunta de Galicia, o Consorcio da Zona Franca de Vigo (CZFV) e o Concello da Cañiza para a implantación do parque empresarial do Vieiro.

O acto contou coa presenza de María Jesús Lorenzana Somoza, conselleira de Economía e Industria da Xunta, de David Regades Fernández, delegado especial do Estado no CZFV e Luis Piña, alcalde da Cañiza, quen rubricaron este acordo que establece as bases de colaboración entre as tres administracións.

O proxecto contempla o desenvolvemento dun parque empresarial nunha superficie de 846.534,08 m2 no termo municipal da Cañiza. Este protocolo dá continuidade ao acordo previo subscrito en febreiro de 2025 entre o CZFV e o Concello, incorporando agora á Xunta de Galicia co obxectivo de reforzar o impulso institucional da iniciativa.

O documento recolle o compromiso do Consorcio da Zona Franca de Vigo de promover ante a Xunta a tramitación dun Plan Estruturante de Ordenación de Solo Empresarial (PEOSE), solicitando previamente a declaración de interese autonómico. Pola súa banda, o Concello colaborará na tramitación e achegará a documentación necesaria, mentres que a Consellería de Economía e Industria asumirá a tramitación urxente do plan, conforme á normativa vixente.

O protocolo establece un marco de cooperación entre as partes e prevé a creación dunha comisión de seguimento integrada por representantes das tres institucións, encargada de impulsar e supervisar o desenvolvemento da iniciativa.

A vixencia do acordo esténdese ata a formalización dun futuro convenio interadministrativo no que se concretarán os compromisos específicos de cada parte para facer realidade o parque.

Con esta iniciativa, as administracións implicadas avanzan na creación de novo solo industrial en Galicia, co obxectivo de atraer investimento, favorecer a implantación de empresas e dinamizar a actividade económica na comarca.

Na súa intervención o Alcalde agradeceu ao Consorcio da Zona Franca de Vigo e ao seu Delegado David Regades por apostar por A Cañiza para este proxecto empresarial estratéxico para Galicia. “ Hoxe é un día importante para todos os cañicenses porque con esta sinatura dase un paso adiante na creación do novo solo empresarial que dará resposta tamén á demanda existente en toda a área metropolitana conectada con Vigo, Ourense e mesmo Portugal, favorecendo a implantación de novas actividades económicas en Galicia”.

O Alcalde tamén tivo palabras de agradecemento para a Conselleira de Industria e para o Presidente da Xunta Alfonso Rueda por cumprir co compromiso de introducir a modificación normativa na Lei de Áreas Empresariais de Galicia a través da Lei de Acompañamento dos Orzamentos da Comunidade Autónoma para o ano 2026, que habilita que unha entidade de ámbito estatal, como o Consorcio da Zona Franca de Vigo, poida promover directamente ante a Administración autonómica un Plan de Interese Autonómico (PIA), instrumento imprescindible para o desenvolvemento do Parque Empresarial do Vieiro. Ata o momento, a normativa vixente non permitía que este tipo de entidades actuasen como promotoras directas deste instrumento, o que supuña unha limitación clave para a tramitación do proxecto.

 

Zona Franca impulsa o parque empresarial de 846.534,08 m² con capacidade para xerar máis de 1000 empregos a pleno rendemento

O Consorcio da Zona Franca de Vigo presentará ante a Xunta a proposta de actuación para o desenvolvemento do parque empresarial da Cañiza co obxectivo de obter a declaración de interese autonómico.

O ámbito deste proxecto sitúase nunha posición estratéxica dentro da Cañiza e da comarca da Paradanta e abrangue terreos das parroquias do Couto, Oroso e arredores do núcleo urbano. Limita ao norte coa estrada PO-406, ao sur coa EP-5005 e ao oeste coa autovía A-52, eixo clave de conexión entre Galicia, a Meseta e Portugal.

Esta localización, a uns 55 quilómetros de Vigo e 46 de Ourense, reforza o seu papel como enclave loxístico e empresarial e convérteo nun punto clave para atraer actividade económica ao interior da provincia .

A iniciativa responde á falta de solo industrial dispoñible no sur de Galicia, onde os parques empresariais existentes presentan unha ocupación do 100%. A súa localización estratéxica xunto á autovía A-52 reforza o seu potencial como nodo loxístico e empresarial.

Unha actuación dividida en 2 fases

A actuación desenvolverase en dúas fases: unha primeira de 516.931 m² e unha segunda de 329.603 m², o que permitirá adaptar a execución á demanda empresarial.

O parque empresarial podería xerar arredor de 1.200 empregos directos, acadando ata 1.800 postos de traballo indirectos, cunha densidade estimada de 30 empregos por hectárea, cando o parque este ao 100% das súas capacidades.

O proxecto prevé a creación dun espazo destinado a usos industriais e terciarios que ocupará arredor de 473.800 m² de superficie lucrativa. O deseño complétase con máis de 217.900 m² de zonas verdes, 84.500 m² destinados a aparcadoiros, 44.300 m² de viarios e preto de 25.900 m² para equipamentos e servizos.

Un investimento que supera os 41 millóns de Euros asumidos ao 100% polo Goberno de España, a través da Zona Franca de Vigo

En termos económicos, o custo estimado de adquisición do solo ascende a 2.539.593,24 euros, mentres que o prezo de comercialización das parcelas sitúase entre 60 e 120 euros por metro cadrado, en liña co mercado de solo industrial da contorna .

O custo de urbanización do parque empresarial estrutúrase en varias partidas. A urbanización interior acada os 16.784.542,63 euros, aos que se engaden as conexións exteriores —incluída a ampliación da glorieta existente e as redes de servizos— por un total de 8.700.000 euros, ademais doutros custos de obra como xestión de residuos e seguridade e saúde. En conxunto, o orzamento de execución material ascende a 25.988.078,91 euros.

Tras engadir gastos xerais (13%) e beneficio industrial (6%), o orzamento base de licitación co IVE acada os 37.420.234,82 euros .

A esta inversión súmanse os custos de obtención dos terreos (2.539.593,24 euros) e os gastos asociados a honorarios técnicos, rexistro e comercialización (1.855.548,83 euros).

En conxunto, a actuación supón un investimento total de 35,32 millóns de euros que co IVE supera os 41 millóns.