O Concello da Cañiza apoia a campaña solidaria UNIRAID 2026 promovida polo equipo «Terra Xamón»

O Alcalde Luis Piña presentou a campaña solidaria UNIRAID 2026 xunto con Brais e Junior, veciños da Cañiza e  integrantes do equipo «Terra Xamón», participantes no raid solidario internacional UNIRAID 2026 e promotores da campaña de recollida de material solidario posta en marcha no municipio.

UNIRAID é un raid solidario de carácter internacional no que participan máis de 150 equipos, cun forte compoñente humano e social. Cada equipo debe transportar e repartir un mínimo de 40 quilos de material solidario en distintas zonas desfavorecidas do territorio marroquí, contribuíndo directamente á mellora das condicións de vida das comunidades locais, especialmente da poboación infantil.

A proba desenvolverase do 7 ao 14 de febreiro de 2026, ao longo dun percorrido duns 3.000 quilómetros por Marrocos, dividido en seis etapas que se realizan seguindo un roadbook, sen GPS nin dispositivos electrónicos, empregando vehículos de máis de 15 anos sen tracción 4x4.

No marco da súa participación, Brais e Junior impulsaron unha campaña de recollida de material solidario na Cañiza, que comezou o pasado 12 de xaneiro e permanecerá aberta ata o 31 de xaneiro, data límite para depositar as doazóns.

O Concello da Cañiza colabora con esta iniciativa cedendo un espazo para o depósito das doazóns, situado na planta baixa da Casa Consistorial, no antigo local do almacén de alimentos de Servizos Sociais, co obxectivo de facilitar a participación da veciñanza.

Entre o material que se pode doar inclúense roupa en bo estado, xoguetes, material escolar, sanitario e hixiénico, material ortopédico, deportivo e informático, sempre en condicións adecuadas para o seu uso.

Na presentación, o Alcalde destacou o compromiso solidario de Brais e Junior e animou aos veciños a colaborar con esta campaña.

As persoas interesadas en obter máis información poden contactar cos promotores a través do correo electrónico terraxamon@gmail.com, nas redes sociais @terraxamon, ou directamente con Brais (638 58 25 62) e Junior (666 21 47 05).

 

O Concello da Cañiza apoia a campaña solidaria UNIRAID 2026 promovida polo equipo Terra Xamón

 

O Concello da Cañiza apoia a campaña solidaria UNIRAID 2026 promovida polo equipo Terra Xamón