O Concello da Cañiza recibiu hoxe o informe da Oficina de Transformación Comunitaria para impulsar sistemas enerxéticos sostibles

O Alcalde Luis Piña asistiu no Pazo Provincial ao acto organizado pola Deputación de Pontevedra, na que o Presidente Luis López lle fixo entrega do informe elaborado pola Oficina de Transformación Comunitaria.

Este documento está orientado a facilitar a implantación de novos sistemas de produción e consumo de enerxía sostible e eficiente no concello.

Durante o acto explicouse o potencial do programa +Renovables para a creación de comunidades enerxéticas locais, unha iniciativa posta en marcha hai case dous anos e dirixida aos concellos da provincia con menos de 50.000 habitantes.

Así mesmo, presentáronse as conclusións dun informe estruturado en dous bloques principais: por unha banda, unha análise do potencial das distintas fontes de enerxía renovable en cada municipio (como a solar, a eólica ou o biogás) e, por outra, un estudo de viabilidade para o desenvolvemento de instalacións fotovoltaicas en edificios públicos.

Neste contexto, e segundo trasladou o Alcalde Luis Piña, o estudo recolle unha das opcións formuladas desde a Alcaldía, que apunta á posibilidade de instalar paneis solares en terra nunha parcela municipal con acusada inclinación, situada no parque Uceira. Esta actuación permitiría a constitución dunha Comunidade Enerxética na que participarían tanto as empresas do parque empresarial como o propio Concello.

Tras a recepción do estudo, o Alcalde concluíu que estes informes supoñen unha ferramenta para axudar na planificación enerxética municipal, apostando por modelos adaptados ás características específicas de cada territorio.

A Deputación de Pontevedra continuará prestando apoio aos concellos a través de asesoramento técnico e labores de coordinación, co obxectivo de que estes novos modelos de produción e consumo enerxético poidan materializarse canto antes.

 

Deputación Pontevedra