O Concello incorpora sete novas desbrozadoras ao parque de maquinaria municipal

O Alcalde Luis Piña recepcionou onte as sete desbrozadoras de man da marca Husqvarna que se incorporarán ao parque de maquinaria municipal para reforzar os traballos de limpeza, roza e mantemento de cunetas, fincas, montes e outras zonas con maleza.

O subministro foi adxudicado á empresa Maquinaria Agrícola Carpintero, S.L., por un importe de 6.310,15 euros, IVE incluído. A adquisición forma parte do proxecto municipal de compra de maquinaria e equipamento para a protección do medio ambiente e do espazo natural, que conta cunha subvención de 78.869,23 euros do Fondo de Compensación Ambiental da Xunta de Galicia para o ano 2026, importe máximo subvencionable na liña non competitiva do Fondo que lle corresponde ao Concello por contar con eólicos no territorio.

A incorporación destes equipos permitirá incrementar a capacidade de traballo dos servizos municipais, mellorar a atención das necesidades de mantemento do territorio e reducir os tempos de resposta. Así mesmo, facilitará que o persoal poida realizar directamente determinadas tarefas de desbroce, diminuíndo a necesidade de recorrer a medios externos cando as circunstancias o permitan. A actuación contribúe tamén á prevención dos incendios forestais mediante o control da vexetación e a redución da acumulación de maleza en parcelas e montes.

As sete unidades recibidas corresponden ao modelo Husqvarna 545RX, unha desbrozadora profesional deseñada para realizar traballos esixentes de roza e recorte de vexetación.

Segundo a ficha técnica do fabricante, o equipo dispón dun motor de 2,1 kW de potencia e 45,7 centímetros cúbicos de cilindrada, un ancho de corte de 49 centímetros e un tubo de 1.465 milímetros de lonxitude. Incorpora, ademais, un manillar regulable, un arnés ergonómico Balance X e un sistema de amortecemento LowVib, características orientadas a mellorar a comodidade e a manexabilidade durante o traballo.

A adquisición das sete desbrozadoras tramitouse mediante un procedemento aberto simplificado, conforme á Lei de Contratos do Sector Público. O procedemento incluíu a publicación da licitación na Plataforma de Contratación do Sector Público, co obxectivo de garantir a publicidade do contrato e facilitar o acceso das empresas interesadas á documentación e ás condicións da convocatoria.

Os pregos estableceron a presentación electrónica das ofertas e fixaron previamente os criterios para a adxudicación. No caso do lote correspondente ás sete desbrozadoras, a valoración contemplaba o prezo, cun máximo de 78 puntos; a ampliación do prazo de garantía, ata 12 puntos; e a mellora do prazo de entrega, ata 10 puntos.

A selección da empresa adxudicataria realizouse conforme ás condicións establecidas na licitación e aos criterios de valoración recollidos nos pregos, tomando como referencia a oferta máis vantaxosa segundo o sistema definido para o procedemento.

O contrato dividiuse en dous lotes diferenciados: un para o subministro dun remolque lavacontedores (71.390 euros) destinado a mellorar a limpeza e a hixiene dos colectores municipais e que foi recepcionado o pasado 19 de outubro, e outro para a adquisición das sete desbrozadoras (6.310,15 euros).

 

O Concello incorpora sete novas desbrozadoras ao parque de maquinaria municipal