O Concello inicia a 3ª campaña municipal de trampeo contra a vespa velutina

COA ADQUISICIÓN E REPARTO DE 70 BOTES DE LÍQUIDO ATRAENTE PARA ELIMINAR AS RAÍÑAS.

O Alcalde Luis Piña reuniuse este venres 8 de marzo na Casa de Cultura da Cañiza con apicultores locais para facer entrega de 70 botes de líquido atraente que permitirán  iniciar nesta primavera os traballos de neutralización dos niños.

Segundo explicaron nesta xuntanza, cada bote contén 500 ml de produto para disolver en litro e medio de auga. Estos dous litros de líquido atraente permiten crear 8 trampas de xeito que os 70 botes entregados permitirán colocar na nosa zona e arredores un total de 560 trampas.

Esta iniciativa reúne a máis de 40 apicultores profesionais e non profesionais da Cañiza que suman un censo de máis de 3.000 colmeas, todos dados de alta no rexistro apícola da Consellería de Medio Ambiente.

Ten como obxectivo capturar ás raíñas velutinas para evitar que aniden e se poida reducir o impacto e a merma na nosa abella autóctona.

Segundo informaron ao Alcalde o  pasado venres, os apicultores extenderán o produto máis alá das súas propias colmeas, abarcando máis terreo para que a campaña sexa máis eficiente.

Esta campaña da continuidade á iniciativa do Goberno Local, de marzo de 2021, de axuda a esta rama productiva do noso sector primario, que fabrica un mel moi valorado xa pola calidade da flora de media montaña do noso municipio.

Ademáis o pasado 20 de febreiro o Alcalde Luis Piña asinou a adhesión do Concello a un novo Convenio e protocolo coa Vicepresidencia 1ª e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes e a FEGAMP para a «coordinación de actuacións no desenvolvemento do programa galego de vixiancia e control fronte a vespa asiática velutina para o ano 2024».

Este «Programa de Vixiancia» recolle as actuacións necesarias para a contención e seguimento da velutina, tendo en conta que este insecto afecta principalmente á produción apícola e tamén ten repercusións sobre a biodiversidade e a seguridade cidadá.

Inclúe actividades relacionadas coa detección precoz de niños mediante avisos a través do 012 e o control e eliminación/neutralización de niños sempre que sexa posible.