O Concello intensifica a campaña de sensibilización para a correcta separación do residuo orgánico.

Visitando aos grandes xeradores deste tipo de resto no casco urbán.
  • A campaña busca mellorar a separación dos residuos orgánicos e reducir custos ambientais e económicos.
  • A correcta separación dos biorresiduos permite aforrar máis do 40 % no custo da recollida.
  • A implicación veciñal, comercial e empresarial, fundamental para unha xestión sostible dos residuos.
  • Ancaria continuará as xornadas informativas na Feira de mañá 20 de decembro cunha campaña sobre compostaxe doméstica e entrega gratuíta de composteiros.

O Alcalde Luis Piña realizou esta mañá unha entrega simbólica dun caldeiro de 60 litros para a fracción bio e material informativo nun dos grandes establecementos do municipio, acompañado da técnica da empresa Ancaria, contratada polo Concello para levar a cabo a campaña de sensibilización dirixida aos grandes xeradores de residuos orgánicos (establecementos hostaleiros, centros educativos e comercios).

Esta campaña, iniciada o pasado mes de novembro, ten como obxectivo informar de maneira directa sobre a correcta separación da fracción orgánica e facilitar a implantación do novo servizo de recollida de biorresiduos no casco urbano.

Durante as visitas procedeuse á entrega de contedores específicos de 60 litros e ofreceuse asesoramento personalizado sobre o uso do contedor marrón para garantir o éxito do sistema.

A recollida de residuos orgánicos púxose en marcha o pasado luns 15 de decembro, convertendo á Cañiza no primeiro concello da comarca en implantar este servizo. A primeira recollida foi trasladada ao depósito de transferencia de biorresiduos da planta de Sogama en Arbo, estreando tamén a liña de depósito desta fracción.

Na visita desta mañá, o Alcalde lembrou que a correcta separación dos residuos non só ten beneficios ambientais, senón tamén económicos, xa que o custo da recollida da fracción orgánica sitúase en 56,54 €/tonelada, fronte aos 105 €/tonelada da fracción resto, podendo acadar os 118,80 €/tonelada no caso de non cumprirse os requisitos establecidos.

A recollida da fracción orgánica realízase todos os luns pola mañá no casco urbano. Para facilitar a participación da cidadanía, o Concello está a distribuír máis de 600 cubos domésticos de 10 litros, xunto coas primeiras bolsas compostables gratuítas, e instalou ata 40 contedores de 400 litros, de cor negro con tapa marrón, destinados exclusivamente aos bioresiduos. Así mesmo, os comerciantes e establecementos xeradores deste tipo de residuos poden solicitar gratuitamente contedores de 60 litros.

O servizo complétase coa entrada en funcionamento do camión específico para a recollida de bioresiduos.

Na Feira de mañá 20 de decembro, a empresa Ancaria continuará coas xornadas de sensibilización, pero nesta ocasión orientadas á compostaxe nas parroquias, cunha carpa instalada diante da Casa do Concello, na que se repartirán composteiros domésticos gratuítos a todos os veciños que desexen incorporarse ao sistema de compostaxe.

Segundo manifestou o Alcalde esta mañá: “desde o Concello da Cañiza insístese en que o éxito deste novo servizo depende en gran medida da implicación da veciñanza e do tecido empresarial do casco urbano, xa que un uso axeitado do contedor marrón mellora a calidade do residuo recollido, reduce custos e contribúe a unha xestión máis eficiente e sostible dos residuos municipais”.