O Concello mellora o céspede artificial do campo de fútbol de Augas Férreas co innovador sistema TurfRob

  • O Alcalde Luis Piña informou esta mañá que o Concello esta desenvolvendo actuacións de mantemento e reparación no campo de fútbol de Augas Férreas, co obxectivo de garantir as mellores condicións de uso e seguridade para todos os deportistas.
  • Estos traballos, que están sendo executados  pola empresa especializada Ginkgo Sports Turf & Gardens, enmárcanse na aposta global do Concello por modernizar as súas infraestruturas deportivas.

O mantemento comprende o descompactado, cepillado e distribución homoxénea do caucho existente no campo de xogo, así como a limpeza da superficie de pequenos elementos metálicos que poidan ocasionar lesións aos usuarios.

O orzamento total destas actuacións ascende a 1.331€.

 

Innovación coa tecnoloxía TurfRob

Estas tarefas complétanse co uso do TurfRob, o primeiro robot deseñado especificamente para o coidado de campos de céspede artificial, desenvolvido en Alemaña e probado intensamente tamén en España desde 2021.

O TurfRob dispón de GPS de alta precisión, contrólase facilmente a través dunha aplicación móbil e funciona con baterías recargables, o que o converte nun sistema 100% sostible e ecolóxico. Entre as súas principais funcións destacan:

  • Rastrillado e descompactado do caucho existente, garantindo que o terreo de xogo manteña unhas condicións óptimas.
  • Cepillado e enderezamento das fibras do céspede, evitando o seu deterioro prematuro e prolongando a vida útil da instalación.
  • Redistribución uniforme do caucho, favorecendo a amortiguación e reducindo o risco de lesións.
  • Mantemento programable, con ata 5 programas distintos adaptados á intensidade de uso do campo.

Grazas a esta tecnoloxía, conséguese:

  • Un campo máis seguro e homoxéneo para os deportistas.
  • Unha redución dos custos de mantemento a medio e longo prazo.
  • Unha prolongación da vida útil do céspede artificial, optimizando o investimento realizado polo municipio.

“Desde o Concello seguimos apostando pola mellora das nosas instalacións deportivas, incorporando ademais solucións innovadoras e sostibles que garantan a seguridade dos usuarios e a calidade do terreo de xogo”, sinalou o Alcalde.

 

O Campo de Fútbol das Augas Ferreas  reformouse integralmente en 2024

Luis Piña lembrou que en maio de 2024 se levou a cabo unha reforma integral do campo de fútbol de Augas Férreas, cun investimento total de 602.421,61 €, adxudicada á empresa PRACE, Servicios y Obras S.A., e financiada integramente mediante dúas subvencións da Deputación de Pontevedra (Plan PON30 e Plan +Provincia 2024).

A reforma  permitiu:

  • Substituír os 6.786 m² de céspede sintético.
  • Instalar 4 torretas de luz de 18 metros de altura.
  • Renovar o sistema de rego.
  • Impermeabilizar e mellorar os vestiarios, aseos e duchas, incluíndo unha nova caldeira de biomasa.
  • Habilitar un novo acceso ao campo e limpar os muros perimetrais.
  • Crear unha zona de adestramento adicional aproveitando o céspede retirado en mellor estado.

O novo campo foi inaugurado a finais de agosto de 2024 cun partido amigable entre o Club de Fútbol Cañiza feminino e As Celtas de Vigo.

 

O Concello mellora o céspede artificial do campo de fútbol de Augas Férreas co innovador sistema TurfRob

 

O Concello mellora o céspede artificial do campo de fútbol de Augas Férreas co innovador sistema TurfRob

 

Arquivo de vídeo

 

Arquivo de vídeo