O Concello presenta a 2ª edición do evento deportivo «A PACHANGA NA RÚA»
O Concello da Cañiza presentou este luns, 2 de xuño, no Salón de Plenos, a segunda edición do campionato deportivo «A Pachanga na Rúa», unha iniciativa organizada pola Comisión de Festas de Oroso en colaboración co propio Concello e coa participación da Asociación de Comerciantes da Cañiza.
Durante o acto, o alcalde Luis Piña, acompañado pola directiva da Comisión de Festas, destacou a formalización dun acordo entre as tres entidades para que os premios desta edición se troquen exclusivamente no comercio local, mediante bonos canxeables. Esta medida busca reforzar o apoio ao pequeno e mediano comercio da vila, promovendo así a economía de proximidade.
O Alcalde tamén informou de que os premios en metálico, 550€, serán aportados polo Concello así como as medallas para todos os participantes nas modalidades A e B de infantil (Minipachangueiros) e os trofeos da final.
O torneo celebrarase os días 4, 5 e 6 de xullo nas instalacións do Parque Central da Cañiza, cun formato aberto a equipos de mínimo 4 xogadores e sen límite máximo, que disputarán partidos de 15 minutos. A idade mínima para participar é de 14 anos e o custo da inscrición será de 5 euros por persoa.
Os premios desta edición suman un total de 550 euros, repartidos do seguinte xeito:
- 1º premio: 300 €
- 2º premio: 150 €
- 3º premio: 50 €
- Mención especial: 50 € para a equipación máis divertida
Todos os premios serán entregados en formato de bonos para gastar nos establecementos da Cañiza, contribuíndo así ao impulso do comercio local.
Programa de actividades
- Venres, 4 de xullo | Desde as 18:00 h
Comezo da competición coas categorías infantís:- Categoría A: de 7 a 10 anos
- Categoría B: de 11 a 13 anos
Haberá medallas para todos os participantes e trofeos para os tres primeiros clasificados.
- Sábado, 5 de xullo | Desde as 10:00 h
Desenvolvemento da fase de grupos.
Pola noite, animación musical co DJ Chuspy.
- Domingo, 6 de xullo
Celebración dos oitavos de final, cuartos, semifinais e final. Ao rematar, entrega de premios e trofeos aos gañadores.
O alcalde quixo recoñecer especialmente o labor das mulleres que integran a Comisión de Festas de Oroso, polo seu compromiso e dedicación na organización deste tipo de eventos, incluídos tamén na programación cultural do Verán de Lecer 2025, presentada recentemente polo Concello.
Desde o Concello, animamos un ano máis a toda a veciñanza a participar activamente nesta festa do deporte, da convivencia e do comercio local.
Grazas a todas e todos pola vosa implicación!