O Alcalde Luis Piña, acompañado polos concelleiros do Equipo de Goberno, deu a coñecer unha programación pensada para todos os públicos que combinará cultura, deporte, tradición e lecer durante os meses de verán.
Durante a presentación, o Alcalde destacou o traballo realizado para configurar unha programación variada e atractiva, pensada tanto para a veciñanza como para as persoas que visitan o municipio durante os meses de verán.
A programación inclúe tamén numerosas actividades promovidas por clubs, asociacións e colectivos locais, ás que o Concello quere dar visibilidade e recoñecer o seu importante papel na dinamización social, cultural e deportiva do municipio. O Concello agradece tamén a implicación de todos os voluntarios que colaboran cada ano para facer posible este Verán Cultural e Deportivo. Esta programación é froito do traballo colectivo e do compromiso de moitas entidades e persoas, e está pensada para ser compartida e desfrutada por todos.
Recoñecementos ao deporte local
Entre os actos máis destacados deste verán figura a entrega da Medalla de Ouro da Vila da Caniza ao CF Caniza, que terá lugar o 1 de agosto no Salón de Plenos do Concello.
Así mesmo, o Concello concederá a Medalla de Prata da Vila á Asociación Deportiva Caniza ADECA CF nun acto institucional previsto para o 4 de xullo,
Dous actos que recoñecen as traxectorias e contribución dos clubes ao deporte local.
Novidades da programación 2026
Entre as principais novidades deste ano destaca a recuperación da Carreira / Andaina do Xamón, que se celebrará o 1 de agosto, así como a incorporación do Torneo de Tenis Concello da Caniza, previsto para os días 4 e 5 de xullo nas pistas municipais das Grades.
Outra das citas destacadas será a celebración da primeira Exposición Filatélica da historia da Caniza, organizada coa colaboración da Federación Galega de Sociedades Filatélicas. A mostra poderá visitarse do 3 ao 7 de agosto no Salón de Plenos do Concello e incluirá coleccións dedicadas á gastronomía e á cultura galega, a presentación do primeiro cuño conmemorativo da LX Festa-Feira do Xamón e unha mostra sobre a historia postal da Caniza.
Tamén volverá desenvolverse o Campamento Urbano de Verán, organizado polo Concello durante todo o mes de xullo en dúas quendas, facilitando a conciliación familiar e ofrecendo actividades deportivas e de lecer para os máis pequenos.
Un verán con 70 actividades
A programación para este 2026, inclúe 70 actividades culturais, deportivas, gastronómicas e de lecer que se desenvolverán entre os meses de xuño e setembro.
Veciñanza e visitantes poderán participar en andainas, rutas ciclistas, exhibicións deportivas, torneos de fútbol, balonmán e tenis, campus deportivos, actividades infantís, cine ao aire libre, concertos, festivais musicais, espectáculos de maxia, circo, humor, teatro, exposicións, encontros moteiros, actividades de aeromodelismo e numerosas propostas para todas as idades.
Tampouco faltarán as celebracións máis tradicionais do municipio, como as Festas do Santísimo Cristo da Agonía, o Curro do Pedroso, a Sardiñada da Carballeira do Cacharado, a Festa da Terceira Idade ou a Romaría da Franqueira.
A LX Festa-Feira do Xamón, gran protagonista do verán
O 15 de agosto celebrarase a 60 edición da Festa-Feira do Xamón, principal evento gastronómico e festivo do municipio.
A programación especial incluirá a XI edición do Concurso Nacional de Cortadores de Xamón, a xornada gastronómica na Carballeira do Cacharado, actuacións musicais e espectáculos infantís.
Como antesala da celebración desenvolveranse o Obradoiro do Bocata de Xamón Xigante (13 de agosto) e o Curso de Corte de Xamón e Cata de Viños (14 de agosto).
Apoio ao tecido asociativo
O Concello tamén quere destacar o importante labor das entidades, asociacións e clubs locais, responsables da organización de numerosas actividades que enriquecen a programación estival, entre elas:
C.F. Caniza, Club Balonmán Caniza, A.D. “Sobre Rodas” da Caniza, A.D. Reviravoltas de Valeixe, Motoclub Tumbada ás 4, Club Vuelo a Vela Fontefría, Asociación Cultural Santa Cristina de Valeixe, Asoc Cultural ASCULCA, Coral Polifónica da Caniza, Furafollas de Oroso, Comisión de festas de Oroso, Asociación Cabalar do Pedroso e a colaboración especial de Diego de Giráldez, Dolores Calvelo Recarey, Cristobal Vidal e a Fundación Deseñador José Castro.
Galería multimedia