O Delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, visitou esta mañá as instalacións da piscina climatizada da Cañiza, acompañado do Alcalde Luis Piña e da Subdelegada do Goberno en Pontevedra Maica Larriba, para supervisar as actuacións de reforma.

  • As obras da piscina foron subvencionadas con cerca de 730.000,00 € polo Plan de Recuperación do Goberno de España a través do PIREP (Plan rehabilitación de edificios de titularidade pública), Línea 1.
  • O Delegado subliñou a “dimensión social deste Plan de Recuperación do Goberno,  exemplificada nos 730.000 euros para a rehabilitación da piscina municipal da Cañiza”  e reafirmou a aposta do Goberno co municipalismo, “o PIREP Local é unha mostra do esforzo para apoiar as principais demandas dos concellos e da súa cidadanía” .
  • Pola súa parte o Alcalde destacou o gran investimento recibido do Goberno de España nestes tres anos de mandato. Investimento directo entre os que destacou a concesión  o pasado 25 de outubro por parte do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana,  dunha subvención de 727.678,69€ para a reforma enerxética da piscina climatizada.

 

O proxecto subvencionado da Cañiza é un dos 36 proxectos que o Goberno vai financiar a través deste programa en toda Galicia.

 

O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, subliñou hoxe a dimensión social do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno a través da mellora dos servizos públicos municipais, e que se exemplifica nos 727.678 euros que o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana (MITMA) concedeu ao Concello da Cañiza para a rehabilitación da súa piscina municipal. Esta axuda forma parte do Programa de Impulso á Rehabilitación dos Edificios Públicos para Entidades Locais (PIREP Local), que o MITMA resolveu a pasada semana.

O delegado visitou hoxe este municipio, acompañado da subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, e do alcalde, Luis Piña, e puxo como exemplo á localidade pontevedresa de como “o Plan de Recuperación chega a todo o territorio para mellorar a calidade de vida dos galegos e galegas”. “O PIREP Local é unha mostra do esforzo do Goberno para apoiar as principais demandas dos concellos e da súa cidadanía, porque grazas a este programa vanse mellorar edificios que a veciñanza utiliza no seu día a día, como son os educativos, sanitarios, culturais ou deportivos”, engadiu.

José Miñones supervisou as obras de rehabilitación da piscina municipal, que xa están en marcha. Calcúlase que poidan estar rematadas no prazo de dous meses tras reformar de maneira integral as dúas cubertas, mellorar a climatización da instalación, substituír as caldeiras de gas-oil por outras de pellets para conseguir unha maior eficiencia enerxética, crear unha zona de usos polivalentes e acondicionar os vasos, entre outras actuacións. “Son unhas obras moi ambiciosas que suporán un antes e un despois para este edificio público, pero son os veciños e veciñas da Cañiza os principais beneficiados porque grazas a este investimento pronto disporán dun novo complexo de referencia para o seu ocio, saúde e deporte”, engadiu o delegado.

Nesta visita o Alcalde Luis Piña destacou a importantísima axuda que o Concello da Cañiza está recibindo do Goberno de España, de forma directa. Con importantes axudas como a do PIREP LOCAL, notificada o pasado 25 de outubro coa concesión de 727.678,69€, que permitirá executar unha transformación integral na piscina, “unha instalación de servizo público moi demandada e querida polos veciños”. En palabras do Alcalde “esta reforma permitirá adaptar a piscina ás novas realidades, baixar os consumos e os prezos enerxéticos e optimizar o servizo de forma que se poida garantir o seu futuro”.

 

PROXECTO DA PISCINA DA CAÑIZA. SUBVENCIONADO DENTRO DO PLAN PIREP LOCAL

O da Cañiza é un dos 17 proxectos que o Goberno vai financiar a través do PIREP Local na provincia de Pontevedra, cun investimento total de 12,1 millóns de euros dos 27 millóns concedidos en Galicia. “Ademais”, explicou o delegado, “Pontevedra é a terceira provincia de España que máis proxectos vai sacar adiante no marco deste programa financiado con fondos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia”. “Son 2 proxectos concedidos á Deputación e 15 a concellos, polo que se beneficiarán de maneira directa case medio millón de habitantes da provincia”, subliñou José Miñones, ao tempo que lembrou que 6 destas entidades locais pertencen aos denominados municipios do Reto Demográfico.