
- Un Servizo posto en marcha o 1 de agosto de 2022, a través da xestión compartida entre os concellos da Cañiza, Covelo, Mondariz, Mondariz Balneario e Melón e que agora se renova ata o ano 2026.
- O Pleno tamén aproba a modificación do Convenio que rexe esta xestión compartida, aumentando a dotación económica do Servizo para garantir a calidade da súa prestación.
- A renovación deste convenio, tamén permitirá poder solicitar as axudas da Xunta de Galicia que financian o 100% do Servizo. Un total de 208.975,10€ para as dúas anualidades.
Así o comunicou o Alcalde tras celebrar o Pleno que aprobou a renovación do Convenio por unanimidade. Luis Piña explicou que “a xestión compartida de servizos configúrase como unha das mellores solucións para poder continuar prestando este servizo”.
“Ademáis este convenio faculta ao Concello da Cañiza a promover todos os trámites administrativos relacionados co servizo, tanto os derivados dos expedientes de subvencións como os relacionados coa contratación do servizo e seguimento da execución do conxunto dos traballos e de todas as actividades ou prestacións necesarias para o funcionamento do mesmo”.
Tamén faculta ao Alcalde da Cañiza a representar aos 5 concellos coa finalidade de realizar cantas xestións resulten necesarias ata a execución e xustificación das actuacións derivadas da prestación do servizo.
Neste sentido, o Concello da Cañiza solicitará a subvención ante a Consellería de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia, para financiar os 208.975,10€ que costará o servizo durante estes dous anos. Unha axuda cofinanciada pola Unión Europea no marco do Programa FSE+ Galicia 2021-2027.
Qué é o Servizo de Atención Temperá
- Un programa de atención psicosocial e familiar dos máis importantes dentro da atención social e un servizo dirixido a NEN@S de 0 a 6 anos a ás súas familias que pretende dar resposta, o antes posible, ás necesidades transitorias ou permanentes que presentan os nenos e as nenas con trastornos no desenvolvemento ou en risco de padecelos.
- Dende o servizo de atención temperá ofrécese unha intervención biopsicosocial que favorece a adquisición e a recuperación de funcións e habilidades persoais e sociais para mellorar a autonomía, a convivencia social e familiar e a inclusión social.
- A clave da atención temperá está en que canto máis axiña se detecten as posibles dificultades, mellores resultados se poden obter da atención profesional. Por iso as familias deben estar ben informadas sobre o proceso evolutivo normal dos seus fillos para detectar as dificultades con prontitude.
- O servizo púxose en marcha o 1 de agosto de 2022 nos Concellos da Cañiza, Covelo, Mondariz, Mondariz Balneario e Melón, atendendo en cada Concello aos nenos e nenas derivados do servizo de pediatría do SERGAS.