O Pleno da Caniza aproba por unanimidade o convenio de colaboración con Arbo, Crecente e Melón para continuar desenvolvendo o servizo de prevención de condutas aditivas

O acordo permitirá dar continuidade á Unidade de Prevención de Condutas Aditivas, creada en 2023, cunha xestión compartida entre os catro concellos e un investimento total de 30.072 euros para o período 2026-2028.

  • A proposta contou co voto unánime da Corporación Municipal.
  • O proxecto estará coordinado polo Concello da Caniza e prestará o servizo nos catro municipios, cunha especial atención á poboación adolescente e ás súas familias.
  • A iniciativa conta cun orzamento de 30.072 euros, dos que 24.358,32 euros se solicitan á Consellería de Sanidade e os restantes 5.713,68 euros serán achegados polos catro concellos.

O Concello aprobou o pasado 13 de novembro, en sesión plenaria, o novo convenio de colaboración entre os concellos da Caniza, Arbo, Crecente e Melón para dar continuidade á xestión compartida da Unidade de Prevención de Condutas Aditivas e ao desenvolvemento do Proxecto de Prevención de Drogodependencias e Condutas Aditivas no Eido Local para o período 2026-2028.

O acordo permitirá continuar desenvolvendo un servizo de carácter supramunicipal que os catro concellos consideran fundamental para seguir traballando na prevención dos consumos de substancias aditivas, na promoción de hábitos de vida saudables e na redución das condutas de risco, especialmente entre a poboación máis nova.

A colaboración entre as catro administracións locais responde á necesidade de ofrecer unha atención coordinada e eficaz, optimizando os recursos dispoñibles e reducindo os custos que suporía a prestación individualizada deste servizo. Ademais, a proximidade territorial e a convivencia da poboación máis nova dos catro municipios en espazos comúns fan especialmente axeitado o desenvolvemento de actuacións conxuntas.

Os catro concellos comprométense tamén a colaborar no cumprimento dos obxectivos establecidos polo Plan de Trastornos Aditivos de Galicia, contribuíndo a reducir, na medida do posible, os problemas derivados do consumo de drogas e doutras condutas aditivas.


UNIDADE DE PREVENCIÓN DE CONDUTAS ADITIVAS

O servizo estará coordinado e xestionado polo Concello da Caniza, que actuará como entidade promotora da agrupación e asumirá a tramitación administrativa, a xestión das axudas e a contratación e seguimento do servizo.

A sede da Unidade de Prevención de Condutas Aditivas estará situada na Caniza, aínda que a atención se prestará de maneira compartida nos catro municipios. Para iso, cada concello facilitará as instalacións e os medios necesarios para o desenvolvemento das actividades no seu respectivo termo municipal.

O equipo profesional será contratado a través dunha entidade especializada e estará integrado por persoal con titulación universitaria e formación específica en condutas aditivas, preferentemente con formación en psicoloxía e/ou educación social.

Entre as principais funcións da Unidade estarán a execución e avaliación dos programas preventivos, a detección temperá de posibles condutas de risco, a atención das demandas de información, asesoramento e formación e a coordinación coa Dirección Xeral de Saúde Pública e coas entidades e institucións implicadas na prevención.


PROGRAMAS DE PREVENCIÓN E PROMOCIÓN DA SAÚDE

O proxecto contempla o desenvolvemento de diferentes programas incluídos na carteira de servizos do Plan de Galicia sobre Drogas, dirixidos especialmente á poboación adolescente, ás familias e á comunidade educativa.

Entre as actuacións previstas figuran os programas Saúde na Escola, EmPeCemos, Non pasa nada, pasa algo?, Construíndo Saúde, Máis que un Teito, Protego e Activa, ademais de accións de información e sensibilización.

Estas intervencións permitirán traballar desde diferentes ámbitos na prevención das condutas aditivas, no fomento de hábitos saudables, no acompañamento das familias e na sensibilización da sociedade sobre os riscos asociados ao consumo de substancias aditivas legais e ilegais.

A programación de actividades está prevista para o período comprendido entre xaneiro de 2027 e o 30 de xuño de 2028. Durante os meses previos desenvolveranse os traballos de xestión administrativa, coordinación e preparación necesarios para a planificación e continuidade do servizo, condicionados á resolución favorable da subvención solicitada.


UN INVESTIMENTO DE 30.072 EUROS PARA OS CATRO CONCELLOS

O orzamento global do proxecto ascende a 30.072 euros. Desta cantidade, os concellos solicitaron á Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia unha subvención de 24.358,32 euros, mentres que os 5.713,68 euros restantes serán financiados directamente polas catro entidades locais.

A distribución das achegas municipais realizarase en función da poboación de cada concello, correspondéndolle a A Caniza o 47,03 % do financiamento municipal (2.687,14 €) ; a Arbo o 24,57 %; ( 1.403,85 €), a Crecente, o 18,06 % ( 1.031,89 €); e a Melón, o 10,34 % (590,79 €).

 

O Pleno da Caniza aproba por unanimidade o convenio de colaboración con Arbo, Crecente e Melón para continuar desenvolvendo o servizo de prevención de condutas aditivas