O Pleno da Cañiza aprobou esta mañá os convenios para desenvolver o Programa de igualdade “Clara”, o sendeiro “Entre Abadías” e os procesos de selección da Policía Local que quedan asumidos pola Xunta

Segundo comunicou o Alcalde Luis Piña tras a celebración da sesión, o Pleno do Concello aprobou esta mañá por unanimidade, en sesión ordinaria, tres convenios de colaboración orientados a reforzar os servizos públicos, a igualdade e o desenvolvemento territorial: impulso á igualdade co Programa Clara 2026, continuidade do proxecto turístico “Entre Abadías” e a mellora na xestión dos procesos unitarios de selección da Policía Local, que quedan asumidos pola Xunta de Galicia.

Convenio Programa de Igualdade “CLARA”

Un dos acordos máis relevantes foi a aprobación do convenio de colaboración co Concello de Covelo para a xestión compartida do Programa Clara 2026. Este proxecto ten como finalidade promover a igualdade de oportunidades e previr a violencia de xénero, centrándose especialmente en mulleres en situación de vulnerabilidade.

O programa contempla accións de formación, orientación laboral e acompañamento social, co obxectivo de mellorar a empregabilidade, favorecer a inserción laboral e reforzar o empoderamento persoal das participantes. Así mesmo, prevese facilitar o acceso a recursos sociais e promover a conciliación familiar.

O Alcalde lembrou que o Programa Clara se puxo en marcha por primeira vez no ano 2024, e contou cunha nova edición en 2025, polo que a aprobación do novo convenio permite consolidar un modelo de intervención social eficaz e adaptado ás necesidades do territorio. A iniciativa será desenvolvida de forma conxunta por ambos concellos, optimizando recursos mediante un modelo de xestión compartida que permitirá prestar un servizo especializado e de maior calidade.

Prórroga do Convenio “Entre Abadías”

O Pleno tamén aprobou a prórroga, ata o ano 2030, do convenio de colaboración co Concello de Melón para a reactivación do sendeiro histórico “Entre Abadías”, un acordo que se enmarca dentro dun proceso de recuperación e posta en valor do camiño.

Este acordo permitirá dar continuidade a un proxecto estratéxico de promoción turística e posta en valor do patrimonio natural e cultural de ambos municipios. O convenio intermunicipal “Entre Abadías” asinouse por primeira vez o 11 de xullo de 2022 polos Alcaldes de A Cañiza e Melón, co obxectivo de relanzar este camiño, con máis de 800 anos de historia, con fins turísticos e de cooperación institucional.

Entre as actuacións previstas inclúense a mellora da sinalización do percorrido, o seu mantemento periódico, a elaboración de material promocional e a participación conxunta en feiras de turismo.

O sendeiro, que conecta enclaves de interese histórico entre A Cañiza e Melón, constitúe un elemento clave para dinamizar o territorio, atraer visitantes e xerar actividade económica no contorno rural.

Convenio coa Xunta para os procesos selectivos da Policía Local

Por último, aprobouse o convenio coa Xunta de Galicia para a asunción por parte da Administración autonómica dos procesos selectivos do corpo da Policía Local e de auxiliares.

Mediante este acordo, a Xunta asumirá a convocatoria, organización e desenvolvemento dos procesos selectivos, incluíndo a xestión de probas, tribunais e formación. Esta medida permitirá axilizar os procedementos, garantir criterios homoxéneos e reducir a carga administrativa do Concello.

O convenio enmárcase na cooperación entre administracións para mellorar a eficiencia na xestión pública e asegurar unha axeitada cobertura das necesidades de persoal en materia de seguridade.

 

Tras a celebración do Pleno, o Alcalde destacou que a aprobación destes convenios supón un paso importante para avanzar en políticas de igualdade, fortalecer a seguridade e potenciar o atractivo turístico da Cañiza