O proxecto Billy Elliot fomenta a igualdade e a ruptura de estereotipos de xénero en A Cañiza
Dende o mes de xaneiro ata finais de xuño, o Concello de A Cañiza desenvolveu o proxecto Billy Elliot, unha actividade educativa integrada no programa municipal Violetas, dirixido á promoción da igualdade e á prevención da violencia por razón de xénero no ámbito educativo.
Esta iniciativa tivo como obxectivo principal fomentar no alumnado a reflexión sobre os estereotipos de xénero asociados ás expectativas sociais, aos roles tradicionais e á construción da identidade persoal, poñendo en valor a liberdade individual, o respecto e a diversidade.
O proxecto Billy Elliot toma como referente a historia do personaxe da coñecida obra ambientada na Inglaterra dos anos oitenta, no contexto da folga mineira de 1984–1985, un período marcado pola crise económica e polos roles de xénero fortemente establecidos. A través desta referencia, o alumnado reflexionou sobre a ruptura de estereotipos asociados á masculinidade, a presión social e familiar, e o dereito de cada persoa a expresar libremente as súas emocións, intereses e capacidades, independentemente do seu sexo ou xénero.
A actividade contou cunha moi boa acollida por parte do alumnado dos centros escolares de A Cañiza, que participou de maneira activa e mostrou un alto grao de interese e implicación nos contidos traballados.
O proxecto forma parte do conxunto de accións incluídas en Violetas, un programa impulsado polo Concello de A Cañiza en coordinación coa comunidade educativa, e financiado a través da liña de subvencións da Deputación de Pontevedra dirixidas aos concellos de menos de 20.000 habitantes para a promoción da igualdade e a prevención da violencia de xénero.
Con iniciativas como o proxecto Billy Elliot, o Concello de A Cañiza reafirma o seu compromiso coa educación en igualdade desde idades temperás, entendendo a escola como un espazo clave para a construción dunha sociedade máis xusta, inclusiva e libre de violencias.
Galería multimedia