O Skatepark da Cañiza acolleu esta fin de semana a II edición do Campionato Galego de Roller Freestyle Street 2025

Este domingo 1 de xuño a pista de skatepark da Cañiza foi escenario do Campionato Galego de Roller Freestyle Street 2025, organizado pola Federación Galega de Patinaxe en colaboración co club Unity Blading Club.

O evento conseguiu congregar a 3 clubs de Ourense e 1 de Vigo na súa II edición federada así como a case unha corentena de riders e numeroso público nunha xornada chea de emoción, técnica e cultura urbana.

O Alcalde Luis Piña acompañado da 1ª Tenente de Alcalde, Mª José Rodríguez asistiron á entrega de premios e felicitaron a todos os participantes polo esforzo e nivel técnico de todos os deportistas, aos seus familiares, ao organizador Unity Blading Club e por suposto á Federación Galega de Patinaxe por elixir as nosas instalacións para celebrar esta nova edición “a II que se celebra en Galicia a nivel Federado”, comentou o rexedor.

Más de 35 patinadores e patinadoras procedentes de diferentes puntos de Ourense e Vigo competiron nas categorías Mini mixta, SUB 15 feminina, SUB 15 masculina, SUB 19 feminina, Senior masculina ( puntuable para o campionato de España) e Máster, demostrando un alto nivel técnico e gran espírito deportivo. As probas desenvolvéronse con total normalidade, baixo un ambiente de compañeirismo e paixón polo roller freestyle.

Os xuíces, homologados pola Federación Española de Patinaxe, valoraron especialmente a creatividade, a execución e o uso do espazo do skatepark.

A xornada concluíu coa entrega de premios e o recoñecemento ao esforzo de todos os participantes. A organización destacou a boa acollida do evento por parte do público, así como a proxección que está a alcanzar esta disciplina dentro do panorama deportivo galego.

Desde a Federación Galega de Patinaxe agradeceuse a colaboración do Concello da Cañiza, que facilitou as autorizacións para poder desenvolver a proba nesta instalación deportiva que segundo os organizadores e a propia Federación é unha das mellores de Galicia e a mellor do sur de Galicia. Por iso, concluíron os organizadores incluirase dentro das distintas competicións que celebra a federación nas categorías de deporte urbano ao longo do ano.

Pola súa banda o Alcalde Luis Piña, agradeceu á Federación Galega de Patinaxe “a elección do noso skatepark para a celebración deste evento e de futuros campionatos”. A este respecto o Alcalde lembrou que “As pistas de SKATEPARK e PUMPTRACK da Cañiza son as máis completas de Galicia, con 3.300 m2 para a práctica do deporte urbano e segundo os expertos unha das mellores instalacións de España, destacando pola alta calidade técnica do circuíto e estamos encantados de que os clubs as teñan escollido para facer deporte e promover e dar visibilidade a estas disciplinas urbanas”.

Máis información e resultados completos: http://freestyle.fgpatinaxe.gal/