Os veciños das Achas e o Concello presentan o libro «HISTORIA DA VILA DAS ACHAS»

  • Unha obra das veciñas e veciños das Achas, presentada este 20 de xaneiro coincidindo coa celebración de San Sebastián, patrón da parroquia.
  • No acto, que se celebrou no Centro Cultural do Cotosobreiro, cunha grande acollida por parte dos veciños, tamén participou o Alcalde. Na súa intervención Luis Piña manifestou sentirse profundamente agradecido e orgulloso dos veciños da parroquia por impulsar esta obra cultural e mesmo testemuñal da historia, costumes, oficios, romarías, lendas, cancioneiros e arquitectura relixiosa, popular e civil de Achas.
  • O Alcalde tamén manifestou a súa satisfacción por ter contribuído e axudar, dende o Concello, a promover a impresión e publicación da obra.
  • Un traballo excepcional que evitará que se desvaneza o atesourado na memoria popular da parroquia e que servirá de legado para as xeracións futuras.
  • Este proxecto que empezou a xerminar alá polo ano 2000, grazas ao tesón e interese dun nutrido grupo de mulleres e homes da parroquia, sae a luz a través de 335 páxinas cheas de referencias e máis de 300 imaxes, cancioneiros e un interesante apartado adicado aos aparellos do campo que ten un marcado aceno etnográfico.
  • O libro está adicado aos homes que no ano 1809, durante a Guerra da Independencia, deron a súa vida na Ponte das Achas, para frear o avance das tropas de Napoleón, comandadas polo Mariscal Soult: Domingo Blanco, Bernardo Pérez e Marco Blanco.
  • A impresión desta nova obra está financiada polo Concello da Cañiza, por aportacións privadas e desinteresadas de veciños e tamén pola venda de exemplares. Un esforzo conxunto que permitirá adquirir o libro por un prezo simbólico: 5 €uros.

O pasado 20 de xaneiro o Concello da Cañiza e os veciños das Achas presentaron o libro “Historia da Vila das Achas”. Unha agardada obra na que participaron durante máis de dúas décadas homes e mulleres desta parroquia que quixeron deixar a súa pegada neste proxecto cultural.

Unha contribución que servirá para que hoxe, todos nós, poidamos descubrir e gozar da historia de Achas, as súas costumes, oficios, construccións, lendas, romarías, cancioneiros e centos de imaxes que dan testemuño de grandes e pequenos acontecementos vividos.

Dende o Concello da Cañiza, o Alcalde Luis Piña agradece a iniciativa, traballo e tesón dos autores deste libro sobre as orixes dunha das parroquias que conforman o noso territorio. Unha obra que a partires de hoxe pasará a formar parte dos fondos bibliográficos dos centros escolares da Cañiza e das bibliotecas da Cañiza e de Valeixe.

¡NORABOA e GRAZAS a todos por esta importante aportación cultural!