Presentación do libro La nostalgia de Paulo de José Victorio Moure

O pasado venres 10 de outubro, o Salón de Sesións Plenarias do Concello da Cañiza acolleu a presentación do libro La nostalgia de Paulo, do escritor José Victorio Moure, nun acto presidido polo Alcalde Luis Piña.

O rexedor foi o encargado de presentar o acto cunha introdución na que repasou a biografía e traxectoria persoal de José Victorio Moure, destacando a súa ampla experiencia vital e profesional, así como o seu compromiso coa memoria histórica e cos valores humanos que impregnan a súa obra. Ademais, Luis Piña agradeceu, en nome do pobo da Cañiza, que o autor escollese o noso municipio como escenario no que se desenvolve e ambienta toda a acción da novela, subliñando que “para A Cañiza é unha honra” acoller unha historia que homenaxea a tantos galegos e galegas que un día tiveron que emigrar.

A novela pretende ser un recoñecemento aos milleiros de galegos e galegas que, entre finais do século XIX e mediados do século XX, abandonaron Galicia rumbo a Iberoamérica, nun movemento migratorio que superou o millón de persoas. A maioría eran mozos solteiros, aínda que tamén houbo homes casados que deixaron atrás ás súas mulleres, fillos e terras. Moitos non regresaron nunca, ben por teren falecido, ben porque acabaron formando unha nova familia no país de acollida.

Nesta obra, o autor quere dar voz a aquelas historias de sacrificio e esperanza, protagonizadas por xente sinxela, en moitos casos labregos con escasa formación, que partiron cara a un destino incerto en busca dunha vida mellor. Non foron poucos os que chegaron a Cuba e outros países americanos, onde traballaron en condicións duras, mesmo en plantacións de azucre, soportando a distancia, a morriña e a inxustiza.

José Victorio Moure encarna este sentimento colectivo a través de Paulo, un mozo da parroquia de Oroso que, con dezaoito anos, decide emigrar a Brasil. A historia comeza cunha conversa entre amigos na feira do gando do Cacharado, onde os emigrantes comparten as súas vivencias e logros. A través das súas experiencias, Paulo —que ao chegar a América pasará a chamarse así, deixando atrás o seu nome de Pablo— enfronta as barreiras do idioma, a soidade e o esforzo diario, ata converterse finalmente en xerente do Hotel “Copa Cabana” de Río de Janeiro, símbolo do seu esforzo e superación persoal.

Pasada a metade do século XX, as mulleres galegas tamén comezaron a emigrar en maior número, algunhas acompañando aos seus maridos e outras emprendendo soas a viaxe, converténdose en protagonistas silenciosas dunha nova etapa da nosa historia colectiva.

José Victorio Moure, nacido en Pontevedra o 20 de febreiro de 1953, é militar retirado, graduado superior senior e experto en ciencias sociais e xurídicas pola Universidade de Vigo. Articulista e escritor, é autor de obras como Sor Lucía, la luz que brilló en Pontevedra, Amando la Libertad, el culpable inocente, ¿Omar o el sargento Michel?, Kosovo, el país de los mirlos e O soldadiño.

Con La nostalgia de Paulo, o autor ofrece unha obra chea de emotividade, humanidade e memoria histórica, un tributo a todos aqueles galegos e galegas que deixaron atrás o seu fogar, a súa lingua e os seus recordos para construír un novo destino ao outro lado do Atlántico.