- Unha celebración organizada pola ASOCIACIÓN CABALAR PEDROSO DE RIBADIL, no monte que lle da nome, coa colaboración do Concello da Cañiza.
- O Alcalde Luis Piña e organizadores montaron a cabalo este sábado 13 de xullo para presentar esta festa popular galega.
- Un acto que contou coa participación de “Bruxo Queiman” como mestre de cerimonias e que comezou ás 11 da mañá na centenaria Carballeira do Cacharado, co recibimento do Alcalde a toda a comitiva de cabaleiros e asistentes participantes a cabalo e que continuou coa entrega simbólica das bandeiras de Galicia e da Cañiza por parte de Luis Piña ao Presidente da Asociación Cabalar, Pablo Álvarez e a Mónica Rodríguez, responsable nesta edición do Curro de protexer a tradición da Rapa das Bestas.
- Nesta xornada inaugural tamén se fixo entrega do «Ferro», útil vencellado ao Curro dende os seus orixes e que representa a identidade dos animais e a propiedade dos mesmos. A encomenda partiu de Castor Rodríguez Pérez, primeiro organizador deste curro, a Gabriel Parente por ser o membro máis novo da Asociación Cabalar, que aceptou o encargo de manter viva esta tradición durante a edición do 2024.
- No acto tamén estivo presente un representante do curro de Sabucedo.
- Coincidindo esta fin de semana coa celebración da Festa na honra do Santísimo Cristo da Agonía da Cañiza, o Presidente da Asociación Cabalar e o Alcalde fixeron unha ofrenda floral no Cruceiro do Cacharado.
- O acto inaugural rematou nos Montes do Pedroso co izado das bandeiras e unha comida campestre.
O Curro do Pedroso
Un evento no que cañicenses e visitantes poderán gozar da baixada dos animais dende as montañas ata o curro para o seu saneamento e colocación de microchips. Unha xornada enxebre na que non faltará a boa gastronomía, música tradicional e moitas sorpresas. Un inesquecible día de romaría e festa e un espectáculo de colorido e bravura propio da nosa rexión.
O Alcalde Luis Piña felicitou a toda a directiva e a todos os veciños e veciñas e colaboradores que xuntos volverán a recuperar esta festa tradicional que se concebiu no ano 1994 para sanear e identificar aos animais. “unha xornada no que se funde o enxebrismo do mundo animal e a natureza, converténdose nun día de Romaría para todos”.
Con estas palabras organizadores e Alcalde presentaron o CURRO do PEDROSO que se celebrará, mantendo a tradición, o 1º domingo de agosto, neste caso o 4 de agosto, nunha intensa xornada que comeza xa ás 7 da mañá coa subida ao Curro, coordinación dos equipos e saída á busca dos rabaños, para dar comezo a unha festa que se prolongará ata a noite.
Ao Curro do Pedroso accédese por un ramal da estrada N-120 de Vigo a Logroño, próximo aos edificios Rebeca, e aínda que parte dos accesos son de terra atópanse en boas condicións.
Podedes ampliar esta información con imaxes e vídeos no facebook do CURRO DO PEDROSO a través do enlace: https://www.facebook.com/currodopedroso