Reactivación do servizo de renovación do DNI no rural – Calendario xaneiro e febreiro de 2026

O Concello da Cañiza informa da reactivación do servizo de renovación e expedición do Documento Nacional de Identidade (DNI) e pasaporte no rural, a través do vehículo integral de documentación (VIDOC) da Policía Nacional, así como do calendario previsto para os dous primeiros meses do ano 2026.

As datas programadas son as seguintes:

  • Xaneiro: 13 e 21 de xaneiro
  • Febreiro: 3 e 11 de febreiro

Este servizo móbil permite a expedición e renovación do DNI e do pasaporte nunha soa xornada, cun tempo aproximado de tramitación de 10 a 15 minutos por persoa, evitando así desprazamentos a comisarías e reducindo os tempos de xestión. Ademais, o vehículo VIDOC conta cun punto portátil de actualización do DNI electrónico (DNIe), que permite actualizar certificados dixitais e cambiar a contrasinal asociada, seguindo as indicacións dos axentes.

Os calendarios de renovación do DNI iranse elaborando en función da demanda e das necesidades existentes, polo que, en canto o Concello sexa informado das datas correspondentes aos meses seguintes, estas comunicaranse por este mesmo medio.

As persoas interesadas deberán anotarse previamente nas oficinas xerais municipais, ben de maneira presencial ou telefónica, desde onde se lles comunicará o día e a hora asignados segundo a lista de espera existente.

O Servizo atenderá unha media de 35 persoas por día.

Lémbrase tamén que as taxas vixentes son:

  • 12 euros para a renovación do DNI
  • 30 euros para o pasaporte

Nota a pe de foto.

A fotografía que acompaña esta noticia corresponde ao día 2 de maio de 2025, data na que se inaugurou oficialmente o novo servizo da Policía Nacional no rural a través do vehículo integral de documentación (VIDOC). No acto estiveron presentes xunto co Alcalde da Cañiza Luis Piña, o Comisario Xefe da Comisaría de Vigo – Redondela, Ramiro José Gómez García e a Inspectora Xefa da Secretaría Xeral da Comisaría, Esther Arén Vidal. Na imaxe aparece tamén o primeiro veciño atendido, amosando o documento tramitado nesa xornada.