Recepción do Alcalde Luis Piña aos medallistas da escola de taekwondo no Salón de Plenos do concello para felicitalos polos novos podios.

O alumnado de Taekwondo da Cañiza foi recibido no Salón de Plenos do Concello polo Alcalde Luis Piña, quen quixo felicitalos persoalmente polos excelentes resultados acadados no Campionato Galego Escolar de Técnica, Freestyle e Exhibición, celebrado o pasado 24 de maio en Redondela. Esta competición forma parte do programa Xogade, impulsado pola Secretaría Xeral para o Deporte e a Federación Galega de Taekwondo.

Medalleiro destacado para A Cañiza:

Categoría Técnica Benxamín,  Medalla de bronce: Lara Miguélez

Categoría Técnica Benxamín Parella, Medalla de bronce: Daniel Ramos e Lara Miguélez,

Categoría Técnica Infantil Parella: Medalla de prata: Claudia Paramés e Iker González

Categoría Técnica Infantil Parella: Medalla de bronce: Marcos Pérez e María Cerviño

Categoría Técnica Infantil Trío, Medalla de prata: Claudia Paramés, María Cerviño e Carla Domínguez

Luis Piña destacou a importancia destes logros para o municipio, resaltando o valor do deporte base, o esforzo da mocidade e o papel fundamental das familias. A escola, que conta con 35 alumnos e alumnas de todas as idades, está dirixida por Fidel Rodríguez, adestrador, coordinador do ximnasio e taekwondista profesional.

Fidel Rodríguez tamén triunfa a nivel nacional

No mesmo acto recoñeceuse a traxectoria do propio Fidel Rodríguez, quen este ano obtivo dúas medallas de bronce. No Campionato de España, celebrado en febreiro en San Vicente del Raspeig (Alicante), nas categorías de Poomsae, Parapoomsae e Freestyle. Esta competición era clasificatoria para o Europeo, onde o deportista cañicense logrou un destacado terceiro posto e contribuíu ao éxito da Selección Galega, que se proclamou Campiona de España por equipos en Poomsae e Freestyle. Ademais conseguiu unha segunda medalla de bronce no Open de Valladolid.

Recoñecemento institucional e apoio ao deporte

Desde o Concello reiteramos o noso orgullo por contar cun equipo tan comprometido e cheo de talento, e reafirmamos o apoio ao deporte como motor de formación, saúde e valores para a nosa mocidade.

Para máis información sobre esta disciplina, pódese contactar co persoal do Ximnasio da Cañiza.