Recepción no Concello ás deportistas María Rocha e Lía Rivera tras conseguir a medalla de bronce na Copa de Europa de Patinaxe celebrada en Figueres
O Alcalde Luis Piña, acompañado da 1ª Tenente de Alcalde, María José Rodríguez, recibiu ás patinadoras María Rocha Bravo e Lía Rivera Pérez no Salón de Plenos para trasladarlles o recoñecemento do Concello e dos veciños e veciñas do municipio, polo destacado éxito acadado na Copa de Europa de Patinaxe Artística, celebrada en Figueres do 24 ao 26 de setembro, onde conseguiron a medalla de bronce na modalidade de «Grupos Show Pequenos», formando parte do CPA Luar de Ponteareas.
Nesta 1ª edición da Copa de Europa de Patinaxe Artística, participaron arredor de 600 deportistas procedentes de sete países europeos (España, Portugal, Francia, Italia, Alemaña, Bélxica e Reino Unido), nas distintas modalidades e categorías de Xou, Cuartetos e Precisión. A representación española tivo unha destacada participación, acadando un total de oito medallas. Entre estes resultados atópase a medalla de bronce conseguida polo CPA Luar de Ponteareas na categoría de Grupos Show Pequenos.
Durante a recepción celebrada o pasado martes pola tarde, o Alcalde felicitou a María e a Lía polo resultado acadado nesta competición de ámbito europeo e puxo en valor o esforzo e disciplina que hai detrás deste importante logro deportivo.
As deportistas estiveron acompañadas polos seus familiares, entre eles, Javier Rocha, Presidente da Asociación Deportiva sobre Rodas da Cañiza. Luis Piña tamén quixo felicitalos polo apoio e acompañamento que prestan ás mozas ao longo da súa traxectoria deportiva. Felicitación que tamén fixo extensiva ao CPA Luar de Ponteareas, club co que conseguiron este éxito.
O Alcalde animou a María e Lía a continuar traballando coa mesma ilusión e dedicación para seguir acadando novos éxitos e gozar da súa traxectoria deportiva.
“Este triunfo confirma, ademais, o gran momento que está a vivir o deporte entre os mozos e mozas da Caniza, que están destacando en numerosas disciplinas deportivas e levando o nome do noso municipio a diferentes competicións”.
Noraboa a María, Lía, ás súas familias e ao CPA Luar de Ponteareas por este éxito deportivo!