Recepción oficial do Alcalde Luis Piña ao equipo benxamín do CF CAÑIZA, campións da Copa Delegación Vigo
O pasado xoves, ás 21:00 horas, celebramos no Salón de Plenos do Concello a recepción oficial do Alcalde ao equipo benxamín do Club de Fútbol Cañiza, recentemente proclamado campión da Copa Delegación Vigo.
Durante o acto Luis Piña, acompañado das Concelleiras María José Rodríguez e Eva María Rivas, felicitou aos xogadores, Presidenta e Directiva, corpo técnico e familias, destacando o gran esforzo, constancia e ilusión que demostraron ao longo de toda a tempada. Ademais dos éxitos deportivos, o Alcalde puxo en valor os principios de compañeirismo, respecto e deportividade que transmite o Club.
Agradeceu tamén o compromiso das familias e o traballo da Directiva e equipo técnico na formación dos xogadores e xogadoras, así como na consolidación do deporte base como piar fundamental para a educación e o desenvolvemento da mocidade no municipio.
A recepción rematou cunha fotografía de grupo e a entrega por parte do Alcalde dun pequeno agasallo.
Desde o Concello reafirmamos o compromiso co deporte local, impulsando iniciativas que apoien aos mozos e mozas que, coma este equipo, representan os valores e o futuro da comunidade.
Noraboa de novo!