A unidade móbil da Oficina Integral de Asesoramento e Seguimento ao Retorno da Xunta de Galicia visita hoxe A Cañiza

O Alcalde Luis Piña visitou esta mañá a unidade móbil, que se desprazou este venres 13 de xuño ata A Cañiza para ofrecer en horario de 9h a 14h atención ás persoas retornadas e a aquelas que estean valorando regresar a Galicia.

Esta oficina itinerante, impulsada pola Secretaría Xeral da Emigración, ten como obxectivo facilitar a reintegración dos galegos e galegas do exterior, proporcionando orientación xurídica, social, laboral e administrativa directamente no territorio.

A unidade móbil está situada na rúa Oriente, 11, ao carón da Casa do Concello en horario de 9h a 14h, onde técnicos especializados atenderán consultas sobre axudas, documentación, homologación de títulos, acceso a servizos públicos como asistencia sanitaria, escolarización, formación, vivenda, orientación laboral, emprendemento e emprego, entre outras cuestións clave para o retorno.

O Alcalde da Cañiza, Luis Piña, destacou a importancia de achegar este tipo de recursos aos concellos do rural:

“Agradecemos esta iniciativa, que permite dar un apoio directo e próximo a quen está a retornar ou desexa volver á súa terra. Dende o Concello seguimos traballando por ser un lugar acolledor, con servizos accesibles, e comprometido coas familias que deciden reconstruír aquí a súa vida.”

A visita desta unidade móbil forma parte dunha xira por distintos concellos galegos e responde á vontade de garantir un retorno ordenado, informado e acompañado, reforzando o vínculo entre Galicia e a súa diáspora.