Visitamos a Ponte Medieval de Noceifas tras rematar os traballos de limpeza e recuperación da súa contorna
O Alcalde Luis Piña visitou a Ponte de Noceifas, na parroquia do Couto, en compañía da Concelleira Eva María Rivas e do técnico da empresa Pangea Ingenieria del Territorio Sln, Benito Lourido, quen explicou polo miúdo os detalles da intervención realizada nesta xoia do noso patrimonio civil e arquitectónico.
Unha Ponte que hoxe é o símbolo da logo-marca do Concello baixo o lema: «A Cañiza, Adéntrate en Galicia».
O proxecto denominado “Acondicionamento da ponte medieval de Noceifas”, cun investimento de 27.829,46 €, estivo financiado ao 100% pola Xunta de Galicia a través das axudas aos concellos de ata 10.000 habitantes para actuacións de mellora das infraestruturas turísticas no 2024.
Pangea Ingeniería del Territorio SLN foi a empresa adxudicataria encargada de realizar a obra, cun coste material de 25.119,06€, impostos engadidos, aos que se lle sumaron outros 2.710,40€ de honorarios para a redacción e dirección da obra, adxudicados a Jorge Lamas Bertolo.
Un total de 27.829,46€ para desenvolver unha actuación que contou con varias fases.
A primeira realizada na propia Ponte Noceifas que consistiu nun estudio arqueolóxico e de restauración desta ponte medieval. Nesta fase tamén se acadaron os permisos necesarios en Patrimonio da Xunta de Galicia xa que se trata dun ben catalogado.
Acondicionamento da ponte medieval de Noceifas
- A 2ª fase dos traballos consistiron na limpeza completa da ponte eliminando toda a vexetación e os depósitos de terra. Para este actuación empregáronse cepillos suaves e ferramentas axeitadas para non deixar marcas na pedra, non podendo usarse hidro limpadoras ou cepillos metálicos.
- Realizouse unha corta das árbores que estaban máis próximas á ponte para evitar a afectación da estrutura da mesma coas súas raíces. Tamén se recuperaron varias pedras do peitoril que caeran ao río e se colocaron na súa posición orixinal, baixo o estrito acompañamento dun arqueólogo.
- Para completar a actuación instalouse un interesante panel interpretativo na contorna, no que se describe a propia Ponte e a importancia que tivo no comercio entre as zonas ribeireñas. Tamén se describe o papel e a importancia do Val do río Ribadil, como unha das principais vías de comunicación que empregaban os arrieiros para transportar o Viño dende o Ribeiro e outros moitos produtos dende as terras fértiles do Val do Miño ata as cidades de Pontevedra e Santiago. A nosa Ponte é un bo exemplo das infraestruturas fundamentais para as comunicacións no pasado, que hoxe caeron totalmente en desuso. Por último neste panel interpretativo tamén se recolle unha breve descrición do oficio do arrieiro e como se construían as pontes medievais.
Por outra banda e dentro da mesma actuación, colocáronse outros dous paneis promocionando o turismo do concello na entrada do cámping e na vila da Cañiza, nas que se promocionan as 5 rutas que forman parte da nosa rede de sendeiros así como enclaves turísticos da Cañiza que merecen a pena visitar.
Galería multimedia