Infórmase aos veciños e veciñas do Concello da Cañiza que durante o día de hoxe, 9 de febreiro de 2026, o Servizo de Recollida de Lixo non estará operativo na parroquia de Valeixe, polo que non se poderá realizar a recollida prevista.
Esta situación vén derivada do peche temporal das plantas de Sogama de Arbo e Porriño, que acollen os residuos da Demarcación na que se atopa A Cañiza. Estas plantas non están aceptando residuos debido á paralización dos trens de Sogama que realizan o traxecto Vigo–Cerceda, onde se atopa o complexo principal.
A razón pola que está paralizado o servizo de trens que Sogama utiliza para o transporte de residuos é a suspensión da circulación ferroviaria na liña que conecta Vigo e outras zonas co complexo de Cerceda, adoptada por Adif e Renfe por motivos de seguridade debido ás condicións meteorolóxicas adversas que están a afectar á zona.
No caso de que a situación non se normalice ao longo do día de hoxe, é posible que mañá, martes 10 de febreiro, tampouco se poida realizar a recollida no casco urbano e na parroquia da Franqueira.
Por este motivo, solicítase a máxima colaboración da veciñanza, pedíndolles que, na medida do posible, non depositen residuos nos colectores ata novo aviso. Con todo, se ao longo do día de hoxe a situación se recupera, informarase por esta mesma canle.
Tras a conversa mantida esta mesma mañá entre o Alcalde, Luis Piña, e os responsables da Sociedade Galega de Medio Ambiente, estes comunicaron que están a traballar para restablecer o servizo canto antes e que avisarán en canto sexa posible desprazar os camións para proceder ao seu baleirado e así ir normalizando a situación.
Grazas pola comprensión e colaboración.