A Cañiza participa na súa 1ª Asamblea do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade

  • Os concellos de A Cañiza, Pantón, Sober, Montederramo, Cangas e Tui únense á rede para loitar contra a pobreza e as desigualdades a nivel global.

O Alcalde Luis Piña asistiu como representante do Concello á xuntanza que deu comezo coa ratificación da alta dos seis concellos que se asociaron ao Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade no que vai de ano: Pantón, Sober, A Cañiza, Montederramo, Cangas e Tui, mentres que só Riotorto causou baixa en 2023. Así mesmo, presentouse a memoria técnica e económica do pasado exercicio. 

A orde do día incluía tamén a aprobación das Liñas Estratéxicas para o mandato 2024-2027 , o  Plan de Actividades 2024, apoiando aos países do Sur Global tanto a través dos proxectos como da cooperación técnica e apoiando tamén ao programa Galicia Abriga de acollemento temporal a mulleres defensoras de Dereitos Humanos, cuxa primeira edición xa está en marcha. Neste senso, a Asemblea pechouse coa intervención da presidenta da Coordinadora Galega de ONGD, María Paz, que explicou a necesidade e os obxectivos desta iniciativa.

O Fondo Galego

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 105 concellos e as deputacións de Pontevedra, A Coruña e Lugo, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Garántese deste xeito unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos con impacto nos países do Sur Global e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional. Recoñecido como axencia municipal da cooperación galega, o Fondo Galego vén de cumprir 26 anos tendo apoiado uns 200 proxectos en máis de trinta países e promovendo numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur e a Axenda 2030.  

 

A Cañiza participa na súa 1ª Asamblea do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade
A Cañiza participa na súa 1ª Asamblea do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade