Confederación Hidrográfica Miño Sil legaliza e concede ao Concello autorización durante MEDIO SÉCULO para captar as augas da traída do casco urbano.

50 ANOS DE CONCESIÓN PARA PODER APROVEITAR E UTILIZAR AS AUGAS PROCEDENTES DE 13 MANANCIAIS, 2 MINAS E 9 POZOS DE BARRENA QUE SUBMINISTRAN AS AUGAS PARA O ABASTECEMENTO DA TRAÍDA DO CASCO URBANO.

UNHA AUTORIZACIÓN DA QUE O CONCELLO CARECÍA ATA ESTE 22 DE MAIO, DATA NA QUE SE RECIBIU A COMUNICACIÓN DAS CONDICIÓNS QUE LEVA IMPLÍCITA A LEGALIZACIÓN.

UN EXERCIZO DE RESPONSABILIDADE, XA QUE SI AS TRAÍDAS PRIVADAS DE USUARIOS DE AUGAS TEÑEN QUE ESTAR LEGALIZADAS E AUTORIZADAS, O CONCELLO QUE É O RESPONSABLE DE ABASTECER A MÁIS DE 2000 VIVENDAS NO CASCO URBANO, TAMÉN DEBE CUMPRIR CON ESTA CONDICIÓN.

 

  • Despois de case tres anos e medio de tramitación, o Concello legaliza ante a Confederación Hidrográfica Miño-Sil todas as captacións, pozos e depósitos que forman parte da Rede de Abastecemento da Cañiza e subministran á traída de augas do casco urbano, tras un longo expediente administrativo aberto no ano 2020.
  • A legalización iniciouse en paralelo ante a Confederación Hidrográfica Miño- Sil e ante a Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia.

 

Nos primeiros meses do ano 2020 o Concello iniciou o expediente para legalizar a concesión de todas as augas que abastecen ás vivendas do casco urbano, que NON estaban autorizadas, NIN rexistradas  ante o órgano competente, que neste caso é a Confederación Hidrográfica do Miño Sil.

O expediente tivo que iniciarse en paralelo ante a propia Confederación que é quen outorga o uso e concesión das augas, pero tamén ante a Consellería de Sanidade que é a que emite o informe favorable de que todas as augas son aptas para o consumo e cumpren con todas as garantías organolépticas.

Sen o informe sanitario a Confederación non inicia o expediente de concesión e autorización.

Para solicitar o Informe Sanitario ante a Consellería, o Concello tivo que analizar todas as augas das captacións, mananciais, pozos de barrena e depósitos ( que en total suman 35 instalacións) cada 4 meses, durante un ano, de forma estacionalizada. Unha vez acadados todos os resultados analíticos favorables, achegouse ante a Consellería de Sanidade (ao Servizo de Control de Riscos Ambientais de Pontevedra)  a solicitude de emisión de informe sanitario, o día 17.06.2021.

Despois de varios requerimentos e emendas, a Consellería outorgou informe favorable con data do 20.04.2022. Informe que se remitiu á Confederación para continuar co expediente unha vez garantida que as augas do abastecemento son aptas para o consumo humano.

O seguinte paso foi a xeoreferenciación e catalogación de todas as instalacións que forman a rede de abastecemento ( as captacións, pozos e depósitos) por parte dos técnicos da Confederación, xa que para este Organismo non existía ningún elemento hidráulico do Concello da Cañiza legalizado.

A continuación Confederación comunicou a Resolución favorable de concesión da autorización de captación e legalización das nosas augas.

Seguindo coa tramitación, o Organismo remitiu ao Concello e ao Boletín Oficial da Pontevedra o 27.06.2022 o expediente de información pública para que todas aquelas persoas que se consideraran afectadas por esta concesión, puideran presentar as alegacións pertinentes.

O BOP publicou o texto o 15 de xullo de 2022. Pasado o tempo das alegacións, o Concello informou da non presentación de reclamacións, continuando o expediente que ademáis tivo que ser informado e  aprobado polo novo Plan Hidrolóxico que entrou en vigor en febreiro deste ano.

O pasado 22 de maio a Comisaría de Augas da Confederación asinou finalmente as condicións que rexerán por 50 anos a autorización desta concesión. O pasado mércores, dende o Concello, devolveuse a CHMiñoSil a aceptación das Condicións quedando resolto o expediente.

 

POR PRIMEIRA VEZ,  DENDE QUE SE INICIOU O SERVIZO DE ABASTECEMENTO DA TRAÍDA DE AUGAS DO NÚCLEO URBANO DA CAÑIZA, HAI MÁIS DE 50 ANOS,  A REDE MUNICIPAL ESTÁ LEGALIZADA E AUTORIZADA POLA CHMIÑO- SIL.

 

Obras de perforación e captación de auga na zona do Rañadoiro con destino ao Depósito Municipal das Augas Férreas.

Video file