O adro do Santuario da Franqueira acolleu e conmemorou este domingo, 7 de maio, o Centenario da Fundación do Seminario de Estudos Galegos.

Un acto no que se inaugurou un monolito na honra e memoria do poeta Don RAMÓN CABANILLAS, autor do Romance entre o Mouro  e o Cristián que se escenifica na Romaxe de Verán da Nosa Señora Santa María da Franqueira.

A Asociación de Funcionarios/as para Normalización Lingüística, da man do seu fundador Xosé González Martínez, en colaboración coa  Deputación de Pontevedra, este concello de A Cañiza, Política Lingüística da Xunta de Galicia e o párroco da Franqueira, promoveron este domingo 7 de maio, ás 19:00h, no adro da Igrexa da Nosa Señora Santa María da Franqueira, un acto público para conmemorar o CENTENARIO DA FUNDACIÓN DO SEMINARIO DE ESTUDOS GALEGOS.

Un acto na memoria do poeta Don Ramón Cabanillas. Autor do “Romance da loita entre o Príncipe Mouro e o Devoto Cristián”, publicado no ano 1927, a instancias do seu mecenas Don Enrique Peinador lines, e que se escenifica todos os 8 de setembro, nas celebracións litúrxicas das romaxes da Nosa Señora Santa María da Franqueira, unha das advocacións marianas máis antigas do Reino de Galicia, xunto coa advocación á Nosa Señora das Ermitas en Viana do Bolo e da Nosa Señora da Barca, en Muxía.  

A rolda de intervencións abriuse con Xosé González Martínez, fundador da Asociación de Funcionarios para Normalización Lingüística, seguido de Clodio González Pérez, mestre (xubilado), etnógrafo e historiador, membro da Real Academia Galega; do Museo do Pobo Galego; do Consello da Cultura Galega; do Instituto de Estudos Tudenses e do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento, quén conferenciou sobre as tradicións da Franqueira. A Continuación tomou a palabra o Párroco do Santuario da Franqueira, Xavier Alonso Docampo seguido do Secretario Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Valentín García. O acto pechouse coa intervención do Alcalde da Cañiza, Luis Piña.

O monolito descuberto este domingo foi elaborado pola Escola de Canteiros de Pontevedra coa seguinte lenda: “Na memoria do poeta D. Ramón Cabanillas, autor do “Romance da loita entre o mouro e o cristián” a instancias do seu mecenas D. Enrique Peinador Lines, que se escenifica neste lugar na celebración da Festa da Franqueira. Centenario da Fundación do Seminario de Estudos Galegos.”

Segundo recolle Xosé González Martínez, nun artigo de opinión publicado este sábado 6 de maio, no periódico La Región, baixo o título «Vieiro da franqueira, tradición e galeguismo» , “...na década dos anos vinte o empresario galeguista, Enrique Peinador Lines, propietario do complexo hoteleiro e das augas de Mondariz-Balneario, filántropo e mecenas da cultura galega e dos seus ilustrados, adoitaba levar os “bañistas” en peregrinaxe ata o santuario da Franqueira para que presenciasen dous valores etnográficos propios: a danza branca dos arcos e a desputa dialéctica do mouro e cristián. O texto do diálogo que manteñen os dous personaxes foi escrito por Ramón Cabanillas para o Seminario de Estudos Galegos en 1927, do que este ano se cumpre o centenario da súa fundación, e publicado ese mesmo ano pola revista Nós. Por aquel entón Cabanillas traballaba para o Balneario de Mondariz como “relacións públicas” e director das revistas “La Temporada” e “Mondariz”...”.