- Segundo comunicou o Alcalde esta mañá, «no Pleno Extraordinario do 28 de agosto aprobamos cos votos a favor do Equipo de Goberno, o texto do Convenio que temos que asinar coa Deputación para establecer o réxime de colaboración para executar a obra».
- A Deputación de Pontevedra concedeu o pasado 23 de xuño, por resolución do Pleno Provincial, unha axuda ao Concello por un importe de 479.948,21€, no marco do Programa «PON2030» para a execución do proxecto de «mellora integral do campo de fútbol de herba artificial das Augas Férreas».
- Unha axuda solicitada o pasado 28 de marzo ao abeiro do novo programa da Deputación Provincial de infraestruturas e dotacións singulares para a execución da axenda 2030- Programa PON2030.
- Para poder executar esta actuación, financiada nun 80% polo organismo provincial, é necesario asinar un Convenio de Colaboración, aprobado no último Pleno de agosto.
- Este proxecto, cun investimento total de 599.935,27€, «permitirá cambiar todo o céspede do terreo de xogo, o sistema de rego, a colocación de 4 torretas de iluminación, a colocación dunha caldeira de biomasa nos vestiarios, construir un novo acceso adaptado, sanear todo o pechamento perimetral da instalación e acometer outras actuacións enerxéticas».
- «Unha importante mellora que reformará integralmente a instalación, na que entrenan e xogan os nenos e nenas e demáis integrantes do Clube de Fútbol Cañiza, en todas as súas categorías e que actualmente presenta grandes deficiencias derivadas do paso do tempo, entre elas o degaste das fibras do céspede», como xa anunciamos o pasado mes de xullo.
Un novo proxecto que reforza o compromiso adquirido polo Alcalde co deporte local e neste caso co FÚTBOL da Cañiza.
Ademáis, tamén en palabras do Alcalde «se os tempos administrativos do expediente o permiten, tentaremos comezar as obras no verán do ano 2024, aproveitando o receso do fin das tempadas deportivas». «tamén continuamos traballando para poder conseguir financiación para os 119.987,06€ da actuación que non cubren as axudas do PON2030, de xeito que non teñamos que ir a fondos do Concello».
O Proxecto
As obras deste importante proxecto contemplan:
- Traballos de substitución de todo o céspede sintético do terreo de xogo (104,40m x 65m).
- Cambio da rede de rego e dos sistemas de iluminación do campo de fútbol coa colocación ademáis de 4 grandes torretas de luz.
- Impermeabilización da cuberta dos vestiarios.
- Construcción dunha caseta para aloxar unha caldeira de biomasa que substituirá á caldeira de gas-oil e colocación dun silo.
- Ademáis se reformarán as instalacións de ACS (calefacción dos aseos, vestiarios e duchas), o saneamento e os sistemas eléctricos.
- Por outra banda habilitarase un novo acceso á instalación polo extremo norte
- e sanearanse os muros de bloque perimetral de todo o recinto deportivo.