O Concello clausura o III Curso de Capacitación Dixital

O Alcalde Luis Piña asistiu o pasado 5 de febreiro ao acto de clausura e entrega de diplomas do III Curso de Capacitación Dixital con novos contidos, unha acción formativa organizada polo Concello en colaboración coa empresa formadora ARA Formación.

O curso desenvolveuse do 28 de xaneiro ao 5 de febreiro, en horario de 9:00 a 14:00 horas, no Edificio Multiusos da Cañiza, e estivo dirixido a persoas de entre 18 e 65 anos, co obxectivo de reforzar a súa autonomía dixital e mellorar as súas competencias tecnolóxicas.

Nesta terceira edición incorporáronse novos contidos prácticos e complementarios aos dos cursos anteriores, centrados na xestión eficaz dos dispositivos dixitais, no uso da banca en liña, do comercio electrónico e da administración pública dixital, así como na mellora da empregabilidade a través de ferramentas dixitais. O programa tamén fixo especial fincapé na seguridade e no benestar dixital, con atención a cuestións como o acompañamento de menores e a ciberseguridade familiar.

Durante o acto de clausura, o Alcalde puxo en valor a importancia deste tipo de iniciativas formativas, que contribúen á inclusión dixital da cidadanía, á mellora das oportunidades laborais e ao uso responsable da tecnoloxía no día a día.

Con esta terceira edición, o Concello da Cañiza reafirma o seu compromiso cunha oferta formativa continua, accesible e adaptada ás necesidades actuais da veciñanza, apostando pola capacitación dixital como ferramenta clave de progreso social.