O Concello da Cañiza celebra o 4º e último sorteo da campaña «A Confianza de Sempre, Agasállate Este Nadal»

Esta mañá celebrouse o cuarto sorteo desta campaña de fidelización comercial, promovida polo Concello en colaboración coa Asociación de Comerciantes da Cañiza, no marco dun compromiso conxunto para impulsar o comercio local e de proximidade.

Neste último sorteo, no que estiveron presentes o Alcalde Luis Piña e a directiva da Asociación de Comerciantes da Cañiza, extraéronse os 20 últimos números da campaña 2025-2026, consistentes en vales de compra por importe de 50 € cada un, distribuídos en bonos de 10 €, que poderán empregarse nos establecementos da vila adheridos á iniciativa.

Ademais, de maneira extraordinaria, procedeuse á extracción de 4 números adicionais, correspondentes a premios sobrantes da campaña do ano pasado, que non foron recollidos polos seus titulares dentro do prazo establecido.

A entrega dos premios ás persoas agraciadas terá lugar o luns 9 de febreiro, ás 9:30 horas, no Salón de Plenos do Concello.

Con este acto dáse por finalizada a campaña, que estivo activa desde o 15 de decembro e contou cun total de catro sorteos, nos que se repartiron 4.200 € en vales de compra, co obxectivo de fomentar o consumo de proximidade e reforzar o apoio ao pequeno e mediano comercio local.

Desde o Concello da Cañiza e a Alcaldía agradécese a participación da veciñanza e o seu compromiso co comercio da vila, e felicítase ás persoas agraciadas nos distintos sorteos da campaña.

 

O Concello da Cañiza celebra o 4º e último sorteo da campaña «A Confianza de Sempre, Agasállate Este Nadal»