O Alcalde Luis Piña procedeu esta mañá á entrega dos premios correspondentes ao cuarto e último sorteo da campaña comercial «A Confianza de Sempre, Agasállate Este Nadal», nun acto celebrado no Salón de Plenos do Concello e no que estivo acompañado por Marta Rey, membro da Asociación de Comerciantes da Cañiza.
Nesta última fase da campaña entregáronse un total de 24 premios: 20 correspondentes á campaña 2025-2026, consistentes en vales de compra por importe de 50 € cada un, distribuídos en bonos de 10 €, e 4 premios adicionais procedentes de vales sobrantes da edición anterior que non foran recollidos no seu momento.
Con esta entrega dáse por pechada unha campaña que estivo activa desde o 15 de decembro e que contou con catro sorteos, nos que se repartiron un total de 4.200 € en vales de compra, co obxectivo de promover o consumo de proximidade e apoiar o pequeno e mediano comercio local.
Desde o Concello da Cañiza agradécese a implicación da veciñanza e a colaboración da Asociación de Comerciantes, así como a participación nos distintos sorteos desenvolvidos ao longo da campaña.
