Xantar, o 27º Salón Internacional de Turismo Gastronómico, celebrouse en Ourense do 19 ao 22 de novembro. Trátase da única Feira Internacional de Turismo Gastronómico acreditada da Península Ibérica. Un escaparate de referencia para a promoción da gastronomía e do turismo que neste 2026 contou con Portugal como País convidado e no que A Caniza volveu a estar presente cun stand promocional.
O Alcalde Luis Piña presentou este sábado a oferta gastronómica e turística da Caniza nun acto celebrado ás 12.00 horas, no que estivo acompañado polas Tenentes de Alcalde, María José Rodríguez e Paula Bacelar, polos xamoneiros encargados da demostración Roberto e Cruz, e polo empregado municipal José Antonio Estévez, responsable do stand.
O Concello aproveitou a súa presenza en Xantar para amosar a riqueza e diversidade dos produtos locais, así como os recursos turísticos que ofrece o territorio. A Feira do Xamón ocupou un lugar protagonista na presentación.
As persoas que se achegaron ao stand da Caniza tiveron a oportunidade de degustar unha ampla selección de produtos do municipio: o tradicional xamón e embutidos da zona, os queixos de «Castro Xaneiro», o pan do “Pandereta”, o mel dos apicultores Inocencio López, Antonio Sendín, Rogelio Rodríguez e Andrés Troita, e os viños «Eido da Fonte» e «Abelán». A oferta completouse coa participación da marca canicense de caracois preparados «ComeCois» e das marmeladas tradicionais «A Raposeira».
O Alcalde agradeceu a implicación de todos os colaboradores que fixeron posible que o espazo da Caniza fose un dos máis visitados. Tamén tivo palabras especiais para os responsables do stand «Pan de Cea», cos que «levamos anos mantendo unha relación de amizade e cooperación, compartindo iniciativas sempre que temos ocasión de coincidir en feiras e eventos».
A promoción municipal foi máis alá da gastronomía e incluíu tamén os principais atractivos paisaxísticos da Caniza. Deuse a coñecer a rede de rutas de sendeirismo que percorren o municipio: a PRG-206 de Fontefría, a PRG-207 da Cidade Castrexa das Grades, a PRG-272 do río Ribadil, a ruta de Luneda e a PRG-165 das Fragas e Levadas do Calvo e Deva así como o Miradoiro do Monte Lapido.
Tamén por primeira vez se promocionou en Xantar o Miradoiro do Montouto, recentemente acreditado pola Fundación Starlight como Parque Estelar, o primeiro de Galicia en obter esta distinción. Este recoñecemento, acadado o pasado 10 de agosto, incorpora A Caniza a unha rede internacional de espazos dedicados á observación e divulgación astronómica, abrindo novas oportunidades para o desenvolvemento do astroturismo.
Durante a súa intervención, o Alcalde destacou “a importancia de Ourense e da súa provincia como aliadas estratéxicas na promoción gastronómica e turística da Caniza”
Luis Piña tamén quixo destacar o valor da proximidade da Caniza con Portugal, coincidindo coa presenza do país veciño como convidado en Xantar.
«Galicia e Portugal comparten unha fonda cultura gastronómica e o xamón é parte desa identidade que nos une».
O Alcalde aproveitou tamén a ocasión para convidar a todos a achegarse ata A Caniza nestes días de frío para saborear os tradicionais cocidos, un dos pratos máis representativos da gastronomía local e que nestas datas se atopa no seu mellor momento.
Un ano máis, a organización de Xantar trasladou os seus parabéns ao Concello da Caniza pola coidada presentación do stand e pola calidade dos produtos ofrecidos que contribuíu a converter o espazo canicense nun dos máis concorridos do certame.
Galería multimedia