Descubre A Cañiza

«Vila do Xamón»

Benvida

Benvid@ a este percorrido pola terra do xamón: A Cañiza.

Nesta sección pretendemos axudarche a que coñezas mellor e máis a fondo a vila pontevedresa da Cañiza, “Vila do bo xamón”, achegándote á nosa gastronomía, ás nosas festas, ás nosas paisaxes, ao noso turismo e ás nosas tradicións e patrimonio.

A través dos banners que che deixamos á dereita, poderás percorrer e coñecer todo o noso Municipio. Coñecer os nosos servizos dirixidos ao lecer e tempo libre. Saber da oferta turística desta zona de media montaña coñecida pola súa fermosa variedade paisaxística que dá numeroso xogo ao camiñante e ao amante da natureza.

Na sección de turismo recomendámoste varias rutas de sendeirismo e na parte lúdica ofrecémoste un amplo calendario de festividades. Se es amante da boa mesa tamén atoparás na Cañiza unha suculenta gastronomía que ten como abanderado o xamón e os produtos cárnicos, co cocido e o lacón con petelo como pratos fortes.

A Cañiza ten sinaladas varias datas no seu calendario de celebracións. O Luns de Pentecostés e o 8 de setembro, datas nas que se celebran as antiquísimas Romarías de Santa María da Franqueira  e o 15 de agosto, data en que celebramos a Feira do Xamón da Cañiza.

Ademais ao longo do ano danse cita no noso Municipio numerosas competicións deportivas, actividades culturais e eventos turísticos que fan que visitar A Cañiza sexa sempre unha opción para ter en conta.

Contamos contigo!!!

A CAÑIZA, VILA DE INTERIOR E MONTAÑA

Terra do xamón

Viaxando pola estrada N-120 Vigo - Logroño ou pola Autovía A-52 das Rías Baixas, chégase á localidade de A Cañiza, situada ao sur de Galicia, na parte SE de a provincia de Pontevedra. Cunha extensión de 108,1 Km.2, a súa poboación aproxímase aos 5.200 habitantes distribuídos en 9 parroquias. A Cañiza forma parte da comarca da Paradanta.

Este municipio con categoría de vila, destaca pola súa excelente oferta turística e as súas increibles paisaxes de media montaña. 

A esmerada e exquisita gastronomía da zona, baseada nos produtos cárnicos co xamón como abanderado e a celebración de importantes eventos, como as antiquísimas romarías da Franqueira, declaradas todas pola Comunidade Autónoma de Galicia como Festas de Interese Turístico, ou a coñecida Feira do Xamón, son algúns dos seus reclamos turísticos.

Esta localidade de media montaña e interior brinda a oportunidade de contemplar unha acusada diversidade paisaxística provocada polos desniveis de montañas e vaguadas e de coñecer o seu patrimonio artístico, os costumes das súas xentes e gozar dos variados acontecementos populares que teñen lugar ao longo do ano.